Queralt Lahoz emancípase do patriarcado con ‘Pureza’
A artista catalana Queralt Lahoz será unha das primeiras en subirse ao escenario do festival Portamérica que arranca esta mesma tarde en Caldas de Reis. Estará presentando o seu primeiro disco ‘Pureza’, co que dá un salto cualitativo na súa carreira e polo que está a recibir moi boas críticas.
“Unha muller sen etiquetas” así se define Queralt Lahoz e así é a súa música na que combina r&b, hip-hop, soul, música latina ou flamenco. Ese eclecticismo é o que mellor define a esta artista catalana de sangue granadina; “xogo con todas as músicas porque todas as músicas viven en min”, engade. ‘Pureza’ é o nome do seu primeiro disco e o estará presentando hoxe, xoves 4, no Festival Portamérica.
Desde ben pequena esta rapaza nacida en Santa Coloma de Gramanet (Barcelona) tivo clara a súa vocación: “miña nai sempre di que me comunicaba mellor cantando que falando, pero na casa non tiñamos os recursos económicos para que eu fora ao conservatorio”. Iso non parou a Queralt; a música sempre estivo presente na súa vida e nos últimos 9 anos foi experimentando diferentes formatos ata atopar o seu lugar. “Pureza é a esencia dun mesmo, a naturalidade, a humildade”; ese camiño que a levou a conectar coa súa verdadeira esencia levouna tamén ao recoñecemento público, pois Pureza é catalogado por moitos como un dos álbums revelación do último ano. “Chega un momento na vida que te decatas de que estás sempre á sombra de moita xente, dos homes… pero tes unha mensaxe que vai máis alá e unha musicalidade que queres amosar entón ese día emancípaste dese formato de home e colles os aforros e marchas da casa. Iso foi o que eu fixen coa miña música: crear o meu fogar, dicir este é o meu son e esta é a miña historia’, explica a artista.
A pesar de todos os adornos que se pon, esta música catalana é naturalidade, frescura e espontaneidade. Sobre o escenario promete un show cheo de paixón e sensibilidade no que nos convidará a viaxar con ela e a pasar nuns minutos dun hip-hop a un bolero puro.
Esta mesma noite tamén subirá ao escenario do Portamérica o seu veciño Muchachito Bombo Infierno. Que pasa en Santa Coloma para que nazan tantos artistas? Este barrio situado na periferia de Barcelona acolleu a moitas familias chegadas de toda a península que emigraban a Cataluña para buscarse o substento. “Creo que neses pobos máis pequenos dos que provimos hai unha identidade cultural moi forte que custa máis que sexa absorbida polo capitalismo; en Santa Coloma, por necesidade, continuamos a comunicarnos a través da cultura”, conclúe.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Anxo Cabada, fotógrafo: «Pediría que o gasto das luces se reparta un pouco en cultura» - 3 Decembro, 2024
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024