“Que Pasa no Barrio?”, a iniciativa de Emaús que ensalza o valor da comunidade
A Fundación Emaús, en colaboración con ProVivienda, están mostrando o pasado, o presente e o futuro do Barrio do Progreso a través de “Que Pasa no Barrio?” unha serie de entrevistas filmadas á xente que vive e traballa no mesmo. Con esta iniciativa queren reforzar o sentimento de pertenza e identidade dos veciños, poñendo o foco na relevancia do territorio para a integración social.
Sandra, Lino e Esther, presente e pasado do Bar Primavera; Suso, de Discos Elepé; Willy, da Pastelería Montserrat ; Pili, de Fruterías Pili Quiñones do Mercado Progreso e moitas outras caras coñecidas contan no proxecto “Que Pasa no Barrio?” como é a vida desde Ronda de Don Bosco, Doutor Cadaval e O Progreso, un barrio no centro da cidade, pero con moita historia de seu que desde hai algunhas semanas recopilan desde Emaús en formato vídeo. O resultado é un álbum con atractivo antropolóxico, valor social para o presente e histórico para o futuro.
“O palpable son as entrevistas, pero o importante é o proceso invisible”, explica Martín Fernandez, técnico de participación e desenvolvemento comunitario de Emaús e un dos responsables da posta en marcha de Que Pasa no Barrio?, unha iniciativa dentro do Proxecto Participa, para o que contan co financiamento da Xunta de Galicia. A asociación leva catorce anos asentada en Galicia, implantando programas para a inclusión social e laboral de persoas sen recursos e sensibilizando a poboación. Unha das grandes desvantaxes dos seus usuarios é que carecen dunha rede forte de vínculos, amizades e coidados. “Por iso queremos darlle ao comunitario o valor que merece”
Martín Fernández cóntanos que a fase actual de QPNB inspírase na metodoloxía dos mapexos emocionais, pretendendo poñer de manifesto a importancia que ten a dimensión afectiva na construción e concepción dos lugares. “Cremos que a vinculación emocional que establecemos as persoas cun territorio pode xerar sentido de pertenza e de identidade e isto, ao mesmo tempo, pode devir en barrios coidados tanto no sentido material coma no relacional que, finalmente, tamén serán barrios que nos coiden”. De aí que a máxima do proxecto sexa “barrios coidados, barrios que nos coidan”.
Polo de agora, e por mor da actitude precavida propia dos tempos de pandemia, as entrevistas se están realizando contando cun equipo pequeno, capitaneado pola realizadora viguesa Sara Traba, responsable da alta calidade do resultado audiovisual final. Martín explica que pouco a pouco máis usuarios de Emaús serán incorporados ao proceso, para aportar ideas e propoñer as preguntas coas que se confeccionan os roteiros de cada entrevista.”Empezamos pola parte audiovisual porque era o máis práctico nos tempos que corren, pero o proxecto ten outras extremidades ás que iremos dando forma durante os próximos meses”, explica Fernández.
A proposta é aberta. Emaús invita á cidadanía a aportar material ao proxecto: lembranzas en forma de fotografías ou vídeos, historias de vida ligadas ao barrio que continuan hoxe en día, ou ideas para a mellora da convivencia. “Como era o noso barrio? Como se está transformando Como queremos que sexa?” , son as tres preguntas que lazaron nas redes sociais do proxecto na procura dunha resposta a modo de quebracabezas colectivo, no que calquera pode colocar unha peza, enviando lembranzas ou reflexións a participa@emaus.com ou 628582640.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Piacere, mirando o mar - 11 Decembro, 2024
- Alium, con gusto e sen glute - 7 Decembro, 2024
- 70 anos de sabor: Pereira publica un receitario creado por Rafa Centeno e Inés Abril - 4 Decembro, 2024
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024