Que facer esta semana no Vigo SeaFest?
Hoxe arranca nos xardíns de Montero Ríos unha nova edición do Vigo SeaFest, organizado pola Cooperativa de Armadores Pesqueiros do Porto de Vigo (ARVI). Como noutros anos, o festival mestura música, gastronomía, deportes e actividades para toda a familia e é de carácter gratuíto.

Concertos
O festival adoita ofrecer unha coidada programación musical, con preferencia polas músicas de raíz negra (blues, soul, jazz…). O xoves 9 a cousa vai de homenaxes: por unha banda aos míticos Buena Vista Social Club, e por outra ás bandas sonoras dos filmes de Tarantino da man de Mambas Negras. Tamén teñen unha orixe cinematográfica a Banda Crebinsky, pois naceron para encargarse da banda sonora do filme Crebinsky (2011) de Enrique Otero. Se optamos polo blues, Juan Zelada e Néstor Pardo son dúas boas opcións.

Fish & Beer
O centro do festival é o concurso de tapas Fish & Beer, onde catorce restaurantes locais propoñen os seus petiscos orixinais arredor dos produtos da ría. Neste 2026 as protagonistas serán a pescada, a sardiña, o bacallau, o rape, o peixe espada, a raia e a lura. Esta é a lista de participantes:
- Paparrúa e o seu chef Adrián Santalices.
- Güòc con Alberto Díez e Olfa Abidi.
- Taverna Chao con Alejandro Nieto.
- Pintxoteca Mar con Cristian Arce.
- Malasangre con David Couñago.
- As Cunchas con Gonzalo e Xacobe Losada.
- La Tula Bouzas con Javier Salgado.
- María Manuela con Jimna Meije.
- Mijo Minibar con Jonathan Mota.
- Costera MX con Manuel Antón.
- Omichi Ramen Bar con Mauro Barreiro.
- El Temporal con Miguel Gómez.
- Enxebre con Patricia Uceda e Marcos Rodríguez.
- Trepia Gastronomía con Pedro Méndez.
Actividades infantís
Ao longo do festival desenvolverase unha ampla programación de actividades infantís gratuítas, pensadas para diferentes idades e centradas na educación mariña, a creatividade e o lecer en familia. Os máis pequenos poderán participar en talleres de cociña, origami, gravado ecolóxico, confección de redes e cyotaku, ademais de actividades como Pintamos o Mar, Fitobloom, Misión Océanos LabMar II, A Mar de Rico e ¡Damos a Talla!. A programación complétase con contacontos, visitas ao Buque de Salvamento e ao Buque Escola, así como experiencias inmersivas no Nautilus, ofrecendo unha proposta variada para achegar a rapazada ao mundo do mar dun xeito lúdico, educativo e participativo.

Deporte
O deporte tamén desempeña un papel importante dentro do SeaFest. Entre as propostas destacan o torneo de waterpolo VIII Torneo Marítimo WP-RCNV – VI Trofeo VSF, o campionato de baloncesto Basket 3×3, así como os bautismos de mar, que permiten desfrutar de rutas en veleiro pola ría de Vigo. Estas actividades, dirixidas a diferentes idades e niveis, combinan competición, iniciación e lecer.


