Que é o PXOM e como vai afectar á cidade e ao patrimonio vigués?
Despois de anos de xestación, o vindeiro 27 de agosto entra en vigor o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un instrumento clave á hora de planificar o urbanismo vigués. Falamos co arquitecto local Javier Couto, de Liqe Arquitectura, e consultamos o parecer de varias asociacións veciñais para comprender mellor como vai afectar este novo plan á cidade e a algúns edificios e zonas concretas da cidade.

Xa son moitos anos nos que as siglas PXOM ocupan titulares nos medios de comunicación locais. O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, que entrará en vigor o vindeiro 27 de agosto, é un instrumento clave de planificación urbanísticaque pretende abordar a escaseza de vivenda e fomentar o desenvolvemento urbano, a rehabilitación e a protección do patrimonio. Imos ver, da man do arquitecto Javier Couto, de Liqe Arquitectura, como de certo é isto.
Cal vai ser o principal cambio na cidade unha vez se aprobe o PXOM?
Segundo Couto “o PXOM é supernecesario para poder desenvolver ámbitos que permitan edificar vivendas a uns ritmos un pouco máis grandes e igual modular os prezos do aluguer. Se hoxe en día é tan caro comprar un piso usado é porque case non hai pisos novos. Entón é bo que haxa máis oferta. Estaría ben que os prezos da construción fosen máis baratos, pero sobre iso non se pode traballar a nivel urbanístico”.
Entón, unha vez se aprobe o PXOM, deberían baixar os prezos do alugueiro e de venda dos pisos?
Couto: “Polo menos debería modular o prezo da vivenda porque vai haber máis solares dispoñibles para edificar. Entón, desde ese punto de vista, vai ben. Sobre as vivendas de protección aí o que fai falta é sempre financiamento das administracións. Iso é un labor político no que non entra o PXOM”.
Quen redacta o PXOM?
Couto: “Ás veces pensamos que hai alguén que dá ordes de ‘fai isto, isto, isto e tira con todo’ e en realidade o plan redáctase por un equipo composto por moitos arquitectos, sociólogos e outros profesionais. É un bo equipo. Logo pasa un montón de filtros, entre eles o de patrimonio cultural da Xunta, que é un organismo bastante proteccionista. De feito, nos últimos anos fíxose aínda máis proteccionista. Eu a verdade é que teño certa confianza niso. Igual deberiamos escoitar máis aos historiadores pero o que percibimos os arquitectos, que estamos sempre un pouco no medio de todo conxugando intereses, é que os edificios é mellor transformalos e non deixalos caer polo seu propio peso”.
Que son os PERI e como lles afecta o PXOM ?
PERI son as siglas de Plan Especial de Reforma Interior, isto é, un instrumento de planificación urbanística que permite o desenvolvemento e reforma de ámbitos urbanos específicos. En Vigo, por exemplo, atopamos PERI en Canadelo Baixo, en San Roque, en zonas de Coia, na Espedrigada… Segundo Couto, “en Vigo, a diferenza doutras cidades, hai unha gran cantidade de pequeno rural e de pequenas casiñas situadas entre barrios. Estaban bloqueadas porque no anterior plan figuraban en grandes PERI onde tiña que vir un promotor e tirar todo para facer grandes torres. Algúns deses recuperáronse agora e permiten a rehabilitación e a edificación parcela por parcela. Agora esa xente vai poder pedir unha hipoteca, pedir un proxecto, unha licencia, facer as cousas ben e arranxar esas casas ou construír casas novas aí. Ese movemento deses barrios de pequena escala igual é o que creo que vai ocorrer máis a curto prazo”.
Falemos de casos concretos. Por exemplo, a zona de Beiramar e Jacinto Benavente e todo o patrimonio industrial abandonado que alí se atopa. Que vai pasar con todos eses grandes edificios?
Couto: “A conservación do patrimonio é unha cuestión de financiamento. Un promotor é unha empresa que busca beneficios, e non vai coller unha edificación histórica para rehabilitar se ten a posibilidade de non facelo e sacar rápido o rendemento. O mellor xeito de darlle protección a estes elementos é a inversión pública, pero hai que ter en conta que o patrimonio industrial de Vigo é moi elevado e o investimento necesario para rehabilitalo tamén. Penso que hai que ser un pouco realistas coa administración que votamos entre todos aquí”
Algunhas destas parecelas están incluídas en ámbitos de desenvolvemento, que son amplos espazos que se van dividir para crear novos edificios e novas rúas. En La Artística, por exemplo, está prevista a edificación duns 18.000 metros cadrados repartidos en dous bloques de uso residencial, dos cales un 30 % será protexido. Esta actuación está previsto que se realice nos próximos tres anos. A protección estrutural do edificio principal e do taller Alonarti fan que os seus volumes teñan que ser conservados na súa totalidade.
Que tipo de protección teñen estas grandes industrias? Alfageme, Frigoríficos Berbés, Albo, La Artística, Santa Clara en Cabral…
Todas estas industrias teñen protección de tipo estrutural, isto é, un nivel de protección urbanística que se aplica a edificacións con valor patrimonial, permitindo a súa conservación á vez que se posibilita a súa adaptación e transformación para novos usos. Segundo Couto, “a protección integral, na que tes que conservar todo (paredes, varandas, escaleiras…) é o máis útil a nivel histórico, pero dificulta saídas a nivel funcional para os novos usos. Eses edificios non van volver ser fábricas nunca máis, polo que penso que o nivel estrutural é o máis compatible e razonable. A protección estrutural permite traballar ben aos técnicos que teñen interese por facer as cousas ben”.
Desde colectivos como Beiramar da Xente ven insuficiente este tipo de protección, xa que en moitos casos non protexe todas as edificacións das parcelas ou non queda claro que elementos se van conservar e cales non. Na zona de Beiramar, por exemplo, temos moitos exemplos recentes de destrucción do patrimonio, como foi Casa Mar ou Cordelerías Mar, onde agora se atopan o Auditorio Mar de Vigo e un bloque de edificios de luxo, respectivamente. Outros exemplos recentes de dubidosa conservación patrimonial son a fachada da antiga estación de tren, mantida como mero adorno na praza, e media fachada de La Metalúrgica en García Barbón, onde se levantou o edificio da seguridade social.

Como se explica unha actuación tan torpe como a de La Metalúrgica?
Couto: “Isto mudou co tempo. A lei de protección que temos agora é do 2016, é bastante recente. O nivel de esixencia de patrimonio cambiou moito. Eu penso que non se van volver facer este tipo de cousas. Os técnicos que estamos traballando a día de hoxe xa nos formaron dun xeito diferente aos que traballaron hai vinte anos. Na arquitectura hai un montón de intereses cruzados que fan que as cousas que parecen superevidentes ás veces non sexan tanto. Eu, en xeral, creo que o nivel de protección estrutural non é mala idea”.

Que opinión tes sobre o Barrio do Cura?
Couto: “Os intereses dos promotores van polo rápido, fácil e cómodo. Cando se desenvolveu o barrio de Cura, penso que foi intelixente porque recurriu a un arquitecto recoñecido que traballa ben. Non me parecen defendibles desde o punto de vista urbano as alturas que están planificadas aí. Creo que son cousas que proceden doutra época. Quero pensar que un plan actual non deixaría facer iso.
Sobre a conservación do convento, nunca estiven dentro nin sei o valor arquitectónico que podía ter. Hai que ter en conta unha cousa: por exemplo, os edificios da rúa Elduayen son moi bonitos, pero esa rúa creouse tirando outros edificios que xa estaban alí antes. Hai que ter moito coidado co patrimonio, por iso agora somos moito máis proteccionistas, pero tampouco podes protexer todo porque sexa vello. Aí entendo que haxa moito debate, e é bo que o haxa e que os medios de comunicación e a xente falen, porque os arquitectos temos como esa especie de formación académica que nos leva por un camiño, pero tamén é bo que nos acheguemos máis, que estemos máis próximos aos cidadáns”.

En que estado se atopa a Etea actualmente?
Couto: “Xa están comezando co proxecto do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas). Está regulada por diversos proxectos sectoriais independentes do Plan Xeral. Os seguintes proxectos iranse redactando en función dos resultados dos concursos públicos de rehabilitación dos espazos para uso do Campus do Mar. A min paréceme un bo sistema, xa que o concurso público aberto, con financiación pública, é o método que mellor combinación aporta entre conservación do patrimonio e reformulación dos espazos para adaptalos aos novos usos“.
E a Panificadora?
Couto: “É un tema que que está pendente da aprobación do novo plan para volver a mobilizar o tema das expropiacións. Para a Panificadora fíxose un concurso, e os que gañaron poden ter mellor ou peor proposta, pero o feito de quitarlle todas as ampliacións previstas antes do concurso (ía aumentar de 7000 m² ata 25.000 m² para facer vivendas, tirando todo menos os silos) hai que poñelo en valor. Co proxecto actual mantense toda a edificación intacta“.

Que vai acontecer coa carballeira da Barroca, en Navia, onde se ten previsto construír o Vigo Arena?
Segundo unha nota de prensa emitida pola asociación veciñal Salvemos a Barroca, o PXOM supón “a recalificación de máis de 24.000 metros cadrados de bosque aluvial reconvertido en espazo dotacional na aprobación definitiva coa intención, segundo manifestou a prensa, de construír un recinto para macroconcertos que ocupará unha superficie de 43.158m2 e terá capacidade para 17.500 espectadores”. Ademais dese gran recinto, o plan inclúe “unha inmensa glorieta elevada de 80 m. de diámetro e polo menos 5 m. de altura que atravesará a Avenida de Europa desviando o tráfico do PAU por San Paio, que recibiu moitas alegacións e que non foron quen de considerar, tamén se presenta como incompatible coa conservación dos humedais da Avda. de Europa”. Rematan dicindo que “o Vigo Arena, caso de considerarse, debe construírse nunha zona periférica industrial non residencial e comunicado con vías de alta capacidade. Existen moitas zonas de equipamento abandoadas que poden cubrir este obxectivo”.
Couto recoñece que o proxecto inicial do Plan preveía a súa reserva como espazo libre e zonas verdes, mais despois desapareceu esa indicación para designala como sistema xeral de equipamentos: “Isto, na práctica, permite a súa desaparición, sexa para destinalo ao Vigo Arena ou outros equipamentos”. Segundo o arquitecto, “tendo en conta a carencia de grandes parques urbanos con árbores de gran porte na cidade, considero un erro ese cambio, producido por motivacións económicas”. Por último, reflexiona sobre a importancia que se lle dá ás árbores: “Existe certa tendencia a pensar, equivocadamente, que as áreas arboradas son elementos doadamente substituibles, que se pode cortar unha árbore plantando outra noutro lado, pero non é unha cuestión tan simple. Unha carballeira antiga como esta comprende un completo ecosistema de árbores, arbustos, plantas e animais de toda clase en equilibrio. Debería terse conservado e buscar outra ubicación para as dotacións necesarias, aínda que isto supoñese unha aportación de fondos públicos maior”.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O labirinto administrativo de Vigo: por que é tan difícil organizar un evento cultural no espazo público - 4 Xuño, 2026
- Álex Arnoso: «Non fixemos Vimbio como unha aposta comercial, senón porque nos apetecía» - 2 Xuño, 2026
- O documental sobre o actor vigués que compartiu pantalla con Clint Eastwood ou Kirk Douglas precisa axuda - 26 Maio, 2026
- Once espazos onde escoitar música en directo nos arredores de Vigo - 21 Maio, 2026
- Imaxinatea Lab Creativo propón un campamento no que desenvolver a creatividade - 14 Maio, 2026



