Protesta musical: o alumnado do Conservatorio Superior sae á rúa para denunciar a reducción do horario de apertura

A comunidade educativa do Conservatorio Superior de Música de Vigo tomará o centro da cidade o martes 14 de xullo ás 11:00 h para denunciar a inminente redución de máis dun 40% do seu horario de apertura.

Asamblea do alumnado fronte ao Conservatorio | Cedida

O vindeiro martes 14 de xullo, ás 11:00 h, o alumnado e a comunidade educativa do Conservatorio Superior de Música de Vigo (CSM Vigo) mobilizaranse polo centro da cidade en sinal de protesta pola última modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) anunciada pola Xunta de Galicia.

Segundo denuncian, a amortización de dúas prazas de persoal de administración e servizos (PAS) podería provocar a redución do horario de apertura do conservatorio, pasando das actuais 14 horas diarias a tan só 7, o que impediría que centos de estudantes puidesen utilizar as instalacións para estudar e comprometería tamén o desenvolvemento da programación cultural do centro, incluíndo iniciativas como o Festival Nas Ondas.

A protesta desenvolverase en dúas partes. Ás 11:00 h celebraranse varias concentracións simultáneas de carácter artístico na rúa do Príncipe. As persoas participantes acudirán cos seus propios instrumentos para interpretar distintas obras musicais nun acto simbólico co que pretenden evidenciar que, se xa non poden estudar no conservatorio, farano na rúa.

Posteriormente, ás 12:15 h, reuniranse na Farola de Urzaiz para realizar unha batucada. Ás 12:30 h partirán en pasarrúas cara á Praza da Estrela, onde concluirá a mobilización diante do edificio da Delegación da Xunta en Vigo coa lectura dun manifesto. A protesta contará co apoio de organizacións estudantís como Erguer e Fervenza Estudantil, ademais dos sindicatos CCOO e CIG.

Paralelamente, puxéronse en marcha unha campaña de recollida de sinaturas en Change.org co obxectivo de solicitar a retirada desta medida.

A mobilización ten a súa orixe na publicación, o 3 de xuño de 2026, da última modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que contempla a amortización de dúas prazas de persoal de administración e servizos do CSM Vigo. Segundo a comunidade educativa, esta decisión implicará unha importante redución do horario semanal de apertura do centro, afectando especialmente ao alumnado que precisa facer uso das instalacións para o seu estudo persoal, como pianistas, percusionistas e estudantes doutras especialidades que non poden practicar nas súas vivendas.

Ademais, lembran que a función do Conservatorio Superior de Música de Vigo vai moito máis alá da formación académica, ao constituír un referente imprescindible na vida musical e cultural da cidade e da súa contorna.

A pesar de que o CSM Vigo é o único centro público de ensinanzas artísticas superiores do sur de Galicia, a comunidade educativa denuncia que a Delegación Territorial da Xunta en Vigo, encabezada por Ana Ortiz, rexeitou manter unha reunión para abordar esta problemática. Consideran que esta negativa evidencia a falta de diálogo institucional e pon de manifesto o desequilibrio territorial existente entre o norte e o sur de Galicia en materia de oferta educativa e cultural.

Así mesmo, denuncian a persistente indefinición da Xunta respecto á natureza institucional do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Segundo explican, a Administración non aclara se o centro debe ser considerado unha ensinanza de secundaria, universitaria ou unha modalidade específica de ensinanzas superiores, unha indefinición que repercute directamente na planificación do persoal e na dotación dos recursos necesarios para garantir o seu correcto funcionamento.

Por todo isto, o alumnado solicita á Xunta de Galicia a revisión inmediata da modificación da RPT, a apertura dun proceso de diálogo real coa comunidade educativa e a adopción das medidas necesarias para garantir o funcionamento normal do Conservatorio Superior de Música de Vigo, unha institución clave para o desenvolvemento educativo, artístico e cultural do sur de Galicia.