Portamérica, Gozo Festival, Vigo Seafest e orquestras nas parroquias esta fin de semana

Temporada de música e verbena ao aire libre. Esta fin de semana celébranse en vigo e Galicia varios festivais, dúas festas parroquiais con importantes orquestras e concertos tanto ao aire libre como en salas. Se queres ter máis información sobre algún evento, preme no título. Consulta todos os eventos en Vigo na axenda da Movida.

Festival Portamérica | Cedida

FESTIVAL PORTAMÉRICA – De xoves a sábado na Azucreira de Portas – Desde 48,00 €

Festival de referencia do verán galego que reúne a artistas como Rigoberta Bandini, M-Clan, Hombres G, Sexy Zebras, Dani Martín, amaia ou Fillas de Cassandra. Ademais dos concertos, o festival ofrece unha completa experiencia arredor do ShowRocking, o espazo gastronómico comisariado por Pepe Solla, no que participan algúns dos mellores cociñeiros do mundo.

VIGO SEAFEST – De xoves a domingo en Montero Ríos – De balde

Cita gratuíta que combina gastronomía, música, deporte e actividades para todos os públicos. A programación inclúe a participación de 14 chefs e outros tantos restaurantes no concurso gastronómico, con tapas elaboradas con produtos do mar. Están programadas as actuacións de Mambas Negras, Homenaxe a Buena Vista, Juan Zelada, Banda Crebinsky e LeSuiteBand.

FESTAS DE ALCABRE – De xoves a luns en Alcabre – De balde

Catro días de festa no barrio vigués nos que atoparemos festa gastronómica, xogos infantís, charangas, actos relixiosos na honra de Santa Baia e San Antón e moita música. O pregón correrá a cargo do expresidente do RC Celta e veciño de Alcabre, Horacio Gómez. As orquestras serán América de Vigo, Mondragón e Orquestra Kubo.

FESTAS DE CANDEÁN – Venres a domingo en Candeán – De balde

As festas da parroquia de Candeán, dedicadas a San Cristóbal e Santa Ana comezan esta fin de semana con actos relixiosos, o tradicional concurso de vehículos engalanados, poxas, actividades infantís e as esperadas orquestras. Nesta edición subirán ao palco Los Player’s, Trío Nostalgia, Orquesta Capitol, Trío Nevada e Disco Móvil Nexus.

MÁIS ALTO QUE O CEO – Venres ás 20:00h na Asociación Cultural Évame Oroza

O poeta Adrián Maceda será o encargado de pechar a terceira edición do festival de poesía e oralidade Máis Alto que o Ceo coa presentación de Mal menor, un recital que combina poemas do seu libro A trasnoite (Edicións Malafera) con textos inéditos do seu próximo proxecto literario.

CURIOSIDADES SOLITA: FURANCHOLOGY – Venres ás 21:00 h en Villa Solita – De balde

Ciclo de concertos en formato pequeno que busca poñer en valor o enclave histórico de Villa Solita e a música local. Furanchology é unha banda que mestura rock, ska, reggae e ritmos festivos cunha marcada identidade galega.

CONCERTO DE LAZY ART – Venres ás 21:00 h na Fábrica de Chocolate – Desde 4,00 €

Lazy Art é unha banda viguesa formada por cinco músicos de entre 15 e 17 anos que se deu a coñecer tras gañar o certame Bateasón 2026, o que lles permitiu gravar o seu primeiro disco. A súa proposta combina influencias de bandas como Rapants, Nirvana ou Red Hot Chili Peppers cun son que mestura rock e funk sen pecharse a un único estilo.

Maroon 5 actúa no Monte do Gozo esta fin de semana

O GOZO FESTIVAL – Sábado desde as 17:00 h no Monte do Gozo (Santiago de Compostela) – Desde 62,50 €

O Gozo Festival regresa ao Monte do Gozo cun cartel encabezado por Maroon 5 e Martin Garrix, acompañados por Rita Ora, Danny Ocean e a artista galega Miriam Rodríguez. 

‘CABARET’, CON MARINITA Y SUS MAROMAS – Sábado ás 20:00 h no Centro Cívico de Teis – 12,00 €

Un espectáculo hilarante cheo de tolemia, música, coreografías espectaculares, voz en directo, artistas transformistas internacionais e moito humor. Da man de Marinita Calleja, Carolin Sanders, Nico Elsker e Leonardo Fiebre. 

CONCERTO DE MARYLAND – Domingo ás 12:00 h no Pazo de Castrelos – De balde

Despois da boa acollida do ano pasado, o Concello volve programar concertos de artistas locais nos xardíns dianteiros do Pazo de Castrelos. Maryland é unha banda galega de rock e indie que combina melodías coidadas, guitarras envolventes e influencias do emo e do post-hardcore.