PortAmérica pecha o cartel musical coa banda viguesa do momento
O festival PortAmérica, que se celebrará do 9 ao 11 de xullo en Portas (Caldas de Reis), pecha o cartel musical coa incorporación de Fillas de Cassandra e coa programación completa do Escenario Azucreira, onde a sustentabilidade social, a música electrónica, a danza e os Djs terán un protagonismo destacado. As entradas e abonos están dispoñibles na web do festival.

As imparables Fillas de Cassandra farán en Portas un dos primeiros concertos de presentación do seu novo disco, Tertulia, un traballo no que a electrónica contemporánea se fusiona coa experimentación vocal e armónica. As artistas viguesas describen o álbum como “rabiosamente contemporáneo e feminista”, e estará dispoñible esta primavera, marcando un fito na súa carreira e na proposta musical do festival.
O Escenario Azucreira seguirá apostando pola inclusión e a visibilidade de novos talentos. Entre as súas propostas destacan o Grupo de baile latino sénior da UNED Pontevedra, maiores de 55 anos celebrando a música, o movemento e o benestar a través da bailoterapia; Down Vigo co seu espectáculo multidisciplinar A Maxia da Cor, centrado na creatividade, a diversidade e a inclusión de persoas con Síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual; e Vigo Porté, evento internacional de danza que presentará en PortAmérica coreografías galardoadas co Premio PortAmérica, dando visibilidade a talentos emerxentes. Tamén albergará as sesións de La Duendeneta, Señora Dj e Oski, que debuta en Portas como mestre de cerimonias tras a mesa de mesturas.

Nesta edición PortAmérica reforza o seu compromiso coa sustentabilidade, consolidándose como un referente en festivais nacionais. A organización promove un modelo respectuoso co medio ambiente e con todas as persoas implicadas, desde artistas e chefs ata público e provedores. Esta experiencia reflíctese na nova serie audiovisual de Esmerarte, PortAmérica, detrás do escenario, que xa pode verse en Youtube.
A programación gastronómica de Showrocking, comisariada por Pepe Solla, contará con máis de 20 chefs que acumulan 19 estrelas Michelin, 3 estrelas verdes e 2 Bib Gourmand. Entre eles estarán o propio Pepe Solla (Casa Solla, Poio), Andoni Luis Aduriz (Mugaritz, Errenteria), Eduard Xatruch (Disfrutar, Barcelona), Ricard Camarena (Valencia), Maca de Castro (Alcúdia) e Yayo Daporta (Cambados).
PortAmérica ofrecerá ademais un Mercado de Talentos, onde deseñadores e creadores de moda, fotografía, arte ou edición vintage poderán exhibir e vender as súas creacións. O proceso de inscrición xa está aberto para todos os interesados en participar.
