PortAmérica abre espazo á literatura con presentacións e sinaturas durante o festival
PortAmérica aposta pola literatura cunha nova sección en colaboración con FNAC que contará con presentacións de libros de músicos, cociñeiros e xornalistas como Jordi Roca, Santi Blames e Miqui Otero. O festival celébrase do 3 ao 5 de xullo na Azucreira de Portas de Caldas de Reis.

Música, gastronomía, e agora tamén literatura. PortAmérica amplía horizontes cunha nova sección de presentacións literarias grazas á colaboración con FNAC, na que achega autoras e autores galegos e nacionais ao público do festival.
Durante os tres días de festival en Caldas de Reis, o público poderá asistir a charlas e presentacións de libros de figuras recoñecidas, que unen música, cociña e literatura. Como Jordi Roca, que abre o programa o xoves co seu libro La nevera medio llena, seguido de Pablo Rodríguez (Rei Zentolo) e a súa obra Antes molábamos máis. A xornada rematará coa sinatura de libros de Santi Balmes, líder de Love of Lesbian, que presenta Un día en mi cabeza.
O venres será a quenda do escritor e xornalista Fernando Fernández Rego, que presenta Anos 80. Movida, atlantismo, vangardismo e underground , un repaso á decada que marcou o futuro da mñusica e as artes en Galicia. Tamén estará Miqui Otero, que falará da súa novela Orquestra. O sábado, o xornalista Miguel Ángel Bargueño afondará no fenómeno de Izal con Una pequeña gran revolución; mentres que o tamén xornalista Tuli Márquez pechará a programación literaria con 365 momentos estelares de la música.
O festival segue a ter as entradas á venda. No plano musical, Catriel & Paco Amoroso, Mikel Izal, Los Tigres del Norte, Love of Lesbian, Iván Ferreiro, Emilia ou Viva Suecia lideran unha programación ecléctica e internacional. A gastronomía, outro dos piares de PortAmérica, contará con chefs de prestixio como Pepe Solla, Lucía Freitas, Javier Olleros ou Jordi Roca.
Ademais, a nova app do festival permitirá ao público organizar a súa experiencia de maneira personalizada: consultar horarios, localizar espazos, recibir avisos e mesmo seguir de preto a programación literaria, facilitando a conexión do público con esta nova proposta.