Amaia, Eliades Ochoa e Xoel López súmanse ao cartel do festival Portamérica
O festival PortAmérica, que terá lugar os próximos 9, 10 e 11 de Xullo, na Azucreira de Portas, confirma como novos artistas a: Amaia, Eliades Ochoa, Xoel López, Noelia Franco, Amoebo e Candela Liste. Entradas e abonos á venda en portamérica.es.

O festival PortAmérica continúa revelando a súa programación e anuncia novas incorporacións que reforzan a súa proposta de diversidade artística e fusión de escenas nacionais e internacionais. Amaia, Eliades Ochoa e Xoel López súmanse ao cartel da XIV edición, xunto coas propostas emerxentes de Noelia Franco, Amoebo e Candela Liste, consolidando aínda máis a pluralidade musical do evento.
Amaia, unha das voces máis singulares e queridas do pop contemporáneo español, chegará a PortAmérica cunha xira na que a artista navarra transita sen barreiras entre a delicadeza e a intensidade, cunha presenza escénica que converte cada espectáculo nunha viaxe emocional. Desde Cuba, Eliades Ochoa achega unha das voces máis emblemáticas da música tradicional latinoamericana. Figura clave do lendario Buena Vista Social Club e recoñecido internacionalmente polo seu virtuosismo como guitarrista e cantante de son cubano. Xoel López, un dos artistas máis representativos da escena independente nacional e iberoamericana, traerá a PortAmérica o espírito do seu son xenuíno e a súa constante evolución creativa. Tras máis de 20 anos de traxectoria, Xoel percorreu múltiples paisaxes musicais, ofrecendo unha obra que articula introspección, identidade e emoción. Completan esta nova tanda Noelia Franco, cunha proposta delicada e evocadora no panorama indie; Amoebo, aposta emerxente local cun son fresco e característico; e Candela Liste.
Estas novas confirmacións redondean un cartel encabezado por Dani Martín e no que tamén están Hombres G, Rigoberta Bandini, M-Clan, Sanguijuelas del Guadiana, Sexy Zebras, Marina Reche, Niña Polaca, Nortec: Bostich + Fussible (Full Band), Grande Amore, Eladio y Los Seres Queridos, The Rapants, Hey Kid e Alejo.
Ademais do apartado musical, o festival segue potenciando a súa oferta de experiencias: as entradas para o aparcadoiro de autocaravanas e a zona de acampada, así como o servizo de autobuses, xa están dispoñibles na páxina web do festival, ofrecendo ás persoas asistentes opcións completas para vivir a cita do 9 ao 11 de xullo en Portas con comodidade.



