REVISTA NOVEMBRO

As letras galegas de hoxe

O 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas, que este ano 2022 lle rende homenaxe ao poeta valdeorrés Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Ata este momento, o autor era unha figura bastante descoñecida para o lectorado galego, talvez porque a maior parte da súa obra se escribiu no exilio, con todos os problemas de recepción que isto supuña nunha Galicia baixo a ditadura franquista. Para homenaxear ao poeta do viño, do hibridismo mexicano-galego e a un home que defendeu incansablemente a nosa cultura mediante iniciativas como a revista Vieiros, son varias as biografías e estudos que se fixeron nos primeiros meses deste ano da man de editoriais como Galaxia, Xerais ou Ir Indo. Entre as achegas máis importantes están a reedición dos tres poemarios do autor, que permanecían sen existencias, e o lanzamento da Antoloxía poética, editada por Débora Álvarez e Margarita Pizcueta. Esta pode ser unha boa forma de achegarse por primeira vez ao escritor, mentres que para profundar máis no seu traballo resulta fundamental a lectura do ensaio Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, de Ricardo Gurriarán. Con esta homenaxe preténdese pór en valor o intenso labor que realizaron os artistas exiliados desde a distancia e darlles o espazo que merecen dentro do ámbito das nosas letras. 

            Por sorte, as condicións en que publican os poetas na actualidade son moito máis favorables e podemos dicir que a nosa poesía goza de boa saúde. Maribel Tato, dona da Libraría Cartabón (Urzáiz, 125), fala dun momento espectacular, xa non só para autores consagrados senón tamén para as novas voces que comezan a súa andaina literaria. Salienta que hai un círculo moi activo arredor da poesía e un lectorado moi comprometido, o que para un pequeno comercio como o seu se traduce nunha facturación dun 5 % ou 10 % do total, superando incluso ás vendas de ensaio. Nos andeis da súa tenda podemos atopar algunhas das obras publicadas polas poetas máis recoñecidas da actualidade: Antese, de Arancha Nogueira, Premio Victoriano Taibo 2021; A lista da compra, de María Comesaña Besteiros; Deriva, de Regina Touceda; ou Atlas,de Alba Cid, que se fixo co premio estatal de poesía nova Miguel Hernández 2019. Xunto a elas vanse facendo un oco voces aínda máis novas, ás que podemos coñecer a través de publicacións como 21 poetas do século XXI, unha antoloxía a cargo de Carlos da Aira, que reúne vinte e unha poetas de 21 anos ou menos, todas nacidas xa nesta centuria. Entre eles, están autores como Nee Barros, que xa acadara certa fama como youtuber e tamén coa obra de teatro Identidade. A normalidade do non-común (Galaxia, 2021). Pero tamén podemos descubrir novas propostas como as das viguesas Isolda Comesaña e Sara Faro, cuxos versos permanecían inéditos ata o momento. 

            Desde Cartabón comentan tamén que este auxe poético veu da man de novas plataformas que conseguiron achegarse ao lectorado e ofrecer novas formas de entrar en contacto coa literatura. Por un lado temos o nacemento de proxectos editoriais centrados principalmente en poesía e que buscan afastarse dos selos máis tradicionais mediante unha filosofía colaborativa e de autoxestión. Un exemplo disto é Sauro Buks, que se define como «impulsora de proxectos e edicións» e que xunta o poético co visual con subseccións como Sauro Crafts ou Sauro Arts. Tamén destaca Urutau, que a través das súas sedes en Brasil, Galicia e Portugal busca aproximar estes tres contextos literarios. Con selo vigués temos Malafera, autoxestionada e creada pola autora, música e filóloga Branca Trigo e polo filólogo e streamer Alfredo Vázquez. O seu obxectivo é buscar  voces novas e temáticas para a nosa literatura e a miúdo realizan recitais, presentacións de libros, feiras ou buscan colaboradores para os fanzines que editan. Na web pódense mercar, entre outros, o libro Coñecemento do medo, que conta con deseños do artista plástico Ramón Trigo. Da man da tamén creadora e filóloga viguesa Vanessa Glemsel apareceu Edicións e Producións Fetiche, que «nace das marxes para dar visibilidade a proxectos singulares e diverxentes» e no que atopamos propostas como Little Babilonia, unha publicación bilingüe asturiano-galega.

            Por outro lado, cómpre falar do indispensable papel que cumpren as redes á hora de difundir novas voces e crear comunidade. Mergullándonos nelas, atopamos contas de Instagram como as de @hipogrifoviolento, @xixirei ou colectivos como o de @guisomoeu, onde os versos conviven en igualdade de condicións con fotografías, tipografías artesanais ou colaxes. Tamén cunha intensa actividade en Internet destaca Leite Edicións, que se describe como «produto galego, vegano e de primeira necesidade» e que, a pesar de aglutinar diferentes voces poéticas arredor de si, as súas creadoras resístense a ser consideradas unha editorial. Ao longo de 2021 idearon o reto #escritaleiteira21 e tamén dúas apps para Android —Leite Edicións e Cadernos Morenos— nas que podemos desde consultar o seu catálogo ata ou crear os nosos propios poemas ou facer tests para adiviñar que tipo de poeta somos.

            Está claro que a crise do coronavirus botou por terra moitos dos proxectos poéticos que existían ou que se estaban forxando en Galicia. Isto fixo que, por exemplo, festivais consolidados como o da Poesía do Condado se cancelasen nas últimas edicións e que outros resistisen con limitación presencial ou trasladándose ao formato virtual. Non obstante, o paulatino relaxamento das medidas restritivas, xunto coa proliferación de proxectos diversos creados tras a pandemia, permiten albiscar un panorama esperanzador que demostra que a poesía galega continúa a revitalizarse con numerosas voces.

Antía Monteagudo
Filóloga