REVISTA ABRIL

Playlist: Música para mover o esqueleto

Despois do amor, o tema máis popular das artes posiblemente sexa a morte. A nosa música non é allea a esta temática, algo do que damos conta nesta fúnebre lista de reprodución:

  1. «A Santa Compaña», de Golpes Bajos. A Santa Compaña (1984)

«En la noche fría dejan sus moradas, viniendo a este mundo a expiar las culpas»

A banda máis rompedora da movida viguesa dos 80 visita co seu particular estilo o mito da estantiga.

  1. «Bailaré sobre tu tumba» , de Siniestro Total. Bailaré sobre tu tumba (1985)

«Te asfixiaré con mi malla de ballet»

Nunca unha ameaza de asasinato foi tan celebrada e coreada; a canción máis famosa do grupo máis famoso da cidade.

  1. «Canción de amor y muerte», de Iván Ferreiro. Confesiones de un artista de mierda (2011)

«Marchita y cansada, besarte infectada fue mi decisión»

Paco Plaza deulle unha nova dimensión a este tema de amor ao utilizalo nos títulos de crédito do filme de terror [•REC]³: Génesis (2012).

  1. «Bella durmiente», de Eladio y los Seres Queridos. Orden Invisible (2014)

«Y entre la vida y la muerte, ella tiró de los hilos y se durmió para siempre»

Con gran lirismo e beleza, Eladio Santos compuxo esta letra para afrontar a perda dun familiar.

  1. «El día de los muertos», Óscar Avendaño & Reposado. Burro (2015)

«Con los muertos he vuelto a hablar»

De letra sucinta e instrumentación densa, Avendaño fala cos mortos a través dun blues crepuscular cuxo vídeo se gravou no madrileño cemiterio de La Almudena.

  1. «Consulta la prensa mañana», de Los Marcianos. Una tormenta de canciones de amor a quemarropa (2016)

«Ya verás, consulta la prensa mañana: masacre sangrienta en La Iguana»

Asasinato en masa dos indies vigueses por amor é o que propón o grupo de –ehem!indie máis marciano que se caracteriza polo sarcasmo que verte nas letras.

  1. «La Purga», de The Riggos. The Riggos (2018)

«En La Purga podrás matar a los demás»

Adaptación libre e punkrockeira da saga de filmes The Purge, onde unha noite ao ano se permiten todo tipo de crimes sen castigo.

  1. «Inferis», de Basanta. Colorama (2018)

«Ven y dile a Cobain que nos abra la puerta»

Ocultismo, rituais e viaxes ao inferno son algúns dos temas desta fantástica canción da que Aleister Crowley estaría orgulloso.

  1. «Necrotú y yo», de Presumido. Re-Vendetta (2019)

«Y qué más da si estás allá y yo en el mundo de verdad… Aún te siento respirar»

REVISTA ABRIL

Unha demostración de electro-pop sibarita onde bailar no aquén e falar do alén non é incompatible.

  1. «Skancarajazz (Song for Gonzalo)», de Transilvanians. Soulful Space (2020)

Como indica o propio título, este tema instrumental é unha homenaxe nunha sorte de second line para o finado Gonzalo Villar, querido axitador cultural e xerente de varios locais de música emblemáticos en Vigo.

Pablo Vázquez
Redactor

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.