O mellor de Play-Doc en 10 actividades imprescindibles
Play Doc bota a andar en Tui cun programa que combina filmes en competición con retrospectivas de cineastas internacionais, mñusica e actividades paralelas. Seleccionamos dez actividades destacadas para mergullarse na súa 22ª edición.

O festival internacional de cine documental de Tui arranca esta tarde cunha extensa programación que durará ata o domingo 3 de maio. O programa estructúrase en varias patas: por unha parte dúas seccións competitivas, unha internacional e outra galega, ambas con longametraxes e curtametraxes; por outra as retrospectivas, que este ano están adicadas á alemá Viola Stephan e o brasileiro Eduardo Coutiño. Tamén se fará un repaso á obra da cineasta contemporánea Maureen Fazendeiro. Por último, as actividades paralelas, nas que se inclúen concertos, cine con música en directo e sesións para a industria.
Mércores 29 de abril ás 20:30h no Teatro Municipal – Concerto inaugural de Trilitrate – Entradas 6,00 €
Formado por Rubén Abad (guitarra e voz), Elena Vázquez (violín), Marcos Padrón (acordeón) e Berto Lozano (visuais en directo), o grupo galego presenta Está de Grelo, n percorrido sonoro onde o folk, a música clásica e a contemporánea se cruzan con naturalidade. O espectáculo en directo acompaña a música de visuais. Consulta aquí todos os concertos de Play-Doc.
Xoves 30 de abril ás 21:00h – Cinema Percorridos: Krakatoa + Variacións para un retablo – Entradas 12,00 €
Unha das actividades máis singulares de Play-Doc, que nesta edición está coordinada pola cineasta Xisela Franco. Dúas performances que se presentan por primeira vez en Galicia: Krakatoa, unha de cinema expandido con foley en vivo, música, son envolvente e edición en directo que parte da explosión do volcán co mesmo nome; e Variacións para un retablo, un live cinema proxectado sobre o retablo central da Igrexa de San Domingos.
Venres 1 de maio ás 16:30h no Teatro Municipal – Curtametraxes da competición internacional – Entradas 4,00 €
Un bo xeito de achegarse ao cinema documental de autor de países moi diversos. A sesión conta con catro curtametraxes, procedentes de Francia, Finlandia, Brasil e México.
Venres 1 de maio ás 19:00h na Sala 3 – Masterclass: O cinema na era da intelixencia artificial – De balde
Impartida por Jorge Caballero, cineasta, investigador e docente especializado na relación entre cine e intelixencia artificial, e cofundador do laboratorio audiovisual Artefacto. A partir de exemplos concretos, abordarase como estas tecnoloxías están a comezar a intervir en distintas fases do proceso audiovisual. A sesión tamén abrirá unha reflexión sobre cuestións como a autoría, a construción das imaxes ou os cambios nos procesos creativos.
Venres 1 de maio ás 22:30h na Igrexa de Santo Domingo – Proxección 7th Heaven con piano en directo – Entradas 12,00 €
Cine mudo na igrexa de Tui con acompañamento de piano en directo de Filipe Raposo. Sinopse: No París da Primeira Guerra Mundial, Chico, un limpador de sumidoiros, salva a Diane, unha moza maltratada, e acóllea na pequena bufarda onde vive. Alí, lonxe da miseria e da violencia da rúa, ambos constrúen un pequeno mundo propio. Cando Chico é enviado ao fronte, a guerra poñerá a proba o seu amor e a súa esperanza.
Sábado 2 de maio ás 16:30h no Teatro Municipal – ‘Despois das cidades’ – Entradas 4,00 €
Longametraxe do cineasta galego Xacio Baños dentro da sección competitiva galega. Sinopse: É Nadal e un viaxeiro marchou só a coñecer Italia e España. Chega a Santiago de Compostela e a súa filla escríbelle: «Dixéronme que marchaches de viaxe. Onde estás?».
Sábado 2 de maio ás 19:30h na Sala 3 – Coming Soon: proxectos galegos en desenvolvemento
Coming Soon é un espazo aberto no que cineastas presentan en directo un breve adianto das súas futuras películas, actualmente en proceso. Unha oportunidade para achegarnos ao proceso creativo dos filmes de primeira man. Nesta edición Eloy Enciso presenta Todo é cárcere; Fran Rodríguez e Coral Piñeiro presentan Da túa man para a miña; e Melanie Pereira presenta A terra das viúvas dos vivos.
Domingo 3 de maio ás 16:30h no Teatro Municipal – Curtametraxes de competición Galicia – Entradas 4,00 €
Catro curtametraxes documentais galegas de estilos e temáticas moi diferentes: Furada Negra, de Berio Molina; As Apalpadelas, de Cristina Souto; Moon Safari, de Hugo Amoedo e O Corpo de Cristo, de Bea Lema.
Domingo 3 de maio ás 18:30h na sala 2 do Seminario Menor de Tui – Selección de obras de Rafael Luca de Tena con música en directo – Entradas 4,00 €
Unha sesión moi completa coordinada polo cineasta Pepe Coira, que fará un breve repaso polo conxunto da obra de Rafael Luca de Tena, cineasta afeccionado con máis de 50 filmes rodados, especialmente documentais rurais e constumbristas. Para acompañar a proxección das pezas que carecen de banda sonora contarase coa música en vivo de profesores e alumnos do Conservatorio Profesional e Escola de Música de Tui.
Domingo 3 de maio ás 21:30h no Seminario Menor de Tui – Proxección dos filmes premiados – Entradas 4,00 €
A oportunidade de ver as pezas gañadoras desta edición de Play-Doc
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Hard GZ, Golpes Bajos e Killer Barbies no novo festival de Vigo - 13 Maio, 2026
- Editatona para visibilizar as escritoras galegas - 12 Maio, 2026
- SonRías Baixas publica o cartel por días - 8 Maio, 2026
- ‘Reconversión’, unha premiada viaxe entre memoria familiar e loita obreira - 8 Maio, 2026
- O mellor de Play-Doc en 10 actividades imprescindibles - 29 Abril, 2026


