Plans en Vigo (e arredores) para vivir a eclipse 

O mércores 12 de agosto, a cidade de Vigo vivirá un dos grandes fenómenos astronómicos do século. A eclipse comezará arredor das 19:32 horas, acadará o seu punto máximo sobre as 20:30, cunha ocultación superior ao 99 %. Malia que a cidade quedará fóra da franxa de totalidade absoluta, a luz e a paisaxe experimentarán un cambio moi semellante ao dunha eclipse total. Como o Sol estará baixo, será fundamental buscar unha localización cun horizonte despexado cara ao oeste. 

A cidade e varios concellos da contorna preparan actividades que combinan divulgación, gastronomía, música e observación astronómica. Estas son algunhas das propostas para vivir unha tarde única.

REVENIDAS

ACTIVIDADES EN VIGO

Música en directo desde A Póla de Iván

A Póla de Iván, no Paseo de Afonso, celebrará o 12 de agosto unha festa especial para acompañar as horas previas á eclipse desde un dos miradoiros máis emblemáticos de Vigo. A programación comezará ás 17:00 horas co concerto de Adrian Timms e continuará ás 19:00 horas coa actuación de Modulador de Ondas. 

O local repartirá 100 lentes homologadas entre as primeiras persoas que se acheguen e recomenda reservar mesa na terraza para asegurar un sitio coas mellores vistas á ría. 

A terraza da Póla de Iván

A eclipse en Vialia 

A eclipse tamén poderá seguirse desde The Champions Burger, instalado no aparcadoiro exterior de Vialia. O festival gastronómico repartirá 10.000 lentes homologadas entre as persoas que merquen unha bebida ou unha ración de patacas nas súas barras, ata esgotar existencias.

A súa localización elevada e ao aire libre permite combinar a observación cun percorrido polos food trucks das 17 hamburgueserías que compiten por preparar a mellor smash burger da edición. A entrada ao recinto é libre.

O espectáculo astronómico desde o paseo de Bouzas

Os Peiraos do Solpor, no paseo de Bouzas, parten como un dos lugares máis atractivos da cidade para contemplar o fenómeno. A Autoridade Portuaria escolleu este espazo para promocionar Vigo como destino de observación e anunciou o reparto de lentes protectoras conmemorativas entre as persoas que se acheguen.

A zona exterior e as pasarelas permanecen abertas ata o solpor e ofrecen unha panorámica sobre a ría e as illas Cíes.

Un concerto durante a eclipse no Chiringuito de La Fuente 

Quen prefira vivir o fenómeno preto da praia pode achegarse ao Chiringuito de La Fuente. Edgar Cuerdo actuará de balde ás 20:00 horas, de maneira que o concerto coincidirá co momento de maior ocultación do Sol. Tanto neste establecemento como no Chiringuito de Alcabre será posible conseguir lentes homologadas pagando 1 euro adicional coa consumición

Observación en Samil 

O Concello de Vigo organizará en Samil unha observación colectiva coordinada desde VigoNature. A actividade estará acompañada de información para seguir o fenómeno de maneira segura e repartiranse lentes homologadas entre as persoas participantes.

As prazas poderán reservarse a través do teléfono de VigoNature, o 986 26 77 83, ou no despacho de billetes o propio día. 

Desde a ría

Para evitar edificios e obstáculos, algunhas navieiras propoñen trasladar a observación ao mar. Deste xeito, ofrecen unha saída en barco pola ría de Vigo desde a que seguir a eclipse. 

Astronomía nas illas Cíes

O Parque Nacional das Illas Atlánticas tamén desenvolve estes días unha programación astronómica gratuíta coordinada pola Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía. Nas Cíes realízanse observacións solares e nocturnas con material óptico, e o 12 de agosto é unha das datas centrais do programa, coincidindo coa eclipse e coa proximidade do máximo das Perseidas. As actividades son gratuítas, aínda que chegar á illa require contar co correspondente transporte e autorización de acceso.

Illas Cíes

ACTIVIDADES PRETO DE VIGO

Eclipse e Perseidas en Praia América

En Nigrán, o plan astronómico irá máis alá da eclipse. O Concello organizará unha observación guiada no piñeiral de Praia América, na zona da Fonte Seca, entre as 19:00 e as 21:30 horas. A actividade estará conducida polo equipo de Astrolavista, con divulgadores e monitores especializados en observación astronómica.

A experiencia terá continuación a partir das 22:00 horas, cando comezará unha segunda sesión centrada nas Perseidas. A noite do 12 ao 13 será especialmente favorable para observar este fenómeno.

Astronomía, maxia e música en Mos

O Castro de Herville, en Mos, acollerá unha das programacións máis completas da contorna. Mos baixo as estrelas comezará ás 19:15 horas cun percorrido ata a mámoa de Chan da Carreira. Ás 19:30 horas haberá unha explicación divulgativa sobre a eclipse e o uso correcto das lentes..

Entre as 20:45 e as 21:30 horas desenvolverase unha andaina guiada, abrirá a zona gastronómica e actuará o Grupo Arume de Guizán. A noite continuará co Mago Marco, de 21:30 a 22:15 horas, e cun concerto de Pa Ti Na Ma, de 22:30 a 00:00 horas. Tamén haberá obradoiros infantís e, entre as 00:15 e a 01:00 horas, unha iniciación á observación das Perseidas. Ollo que algunhas destas actividades teñen prazas limitadas e requiren inscrición previa.

Ruta, merenda e eclipse polos Muíños de Atios

O Centro Social A Desviada propón vivir a eclipse en movemento cunha ruta de sendeirismo polos Muíños de Atios, no Porriño. O grupo sairá ás 18:00 horas desde o centro social, na avenida do Fragoso, para facilitar o desprazamento ás persoas que non dispoñan de coche. Tamén será posible incorporarse directamente ás 18:30 horas no inicio da Ruta dos Muíños do Castro de Atios.

O percorrido realizarase paseniñamente e incluirá unha parada para merendar e contemplar a eclipse. As persoas que precisen transporte ou queiran que a organización lles consiga lentes de protección deben cubrir previamente o formulario habilitado polo colectivo.

O fenómeno desde o Monte das Penizas

Tui súmase aos plans para vivir a eclipse cunha tarde especial no Monte das Penizas, en Páramos. A programación comezará ás 18:00 horas e combinará a observación do fenómeno con música, petiscos e bebidas nun espazo aberto con boas vistas cara ao horizonte.

Ademais, repartiranse 1.000 lentes homologadas de balde entre as persoas asistentes e haberá aparcadoiro gratuíto nas inmediacións.

O Miradoiro das Penizas | Concello de Oia

A experiencia na illa de Ons

Desde Bueu e Portonovo partirá a Eclipse Experience ONS360, unha proposta que combina navegación, natureza e gastronomía. A experiencia inclúe o traslado en barco, unha ruta guiada pola illa, lentes homologadas, acompañamento durante a observación e unha cea en Casa Acuña.

O regreso está previsto arredor das 23:30 horas. As prazas son limitadas debido ás restricións de acceso ao Parque Nacional e o prezo debe consultarse directamente coa organización.

Outros lugares recomendados para ver a eclipse en Vigo

  • Monte Alba
  • Cabo Estai
  • Paseo de Afonso XII
  • Monte do Castro
  • Miradoiro da Madroa

Lugares PECHADOS POR ECLIPSE na provincia de Pontevedra

  • Xestoso, en Silleda
  • Fervenza do Toxa, en Silleda
  • Monte da Guía, en Vigo.

Como observar a eclipse con seguridade

Durante todas as fases será imprescindible empregar lentes específicas para observación solar que cumpran a norma ISO 12312-2. As lentes de sol, as radiografías, os cristais afumados e outros filtros caseiros non protexen a vista.

Na cidade hai varias opcións para conseguir lentes homologadas de balde. O Centro Comercial Gran Vía entrégaas no Punto de Información da planta 0 aos membros do Club de los Disfrutones —a alta na aplicación é gratuíta— ata o 12 de agosto ou ata esgotar existencias. O Concello tamén distribúe máis de 5.000 unidades entre as persoas participantes nas actividades divulgativas de VigoNature e VigoZoo, mentres que a ONCE reparte lentes a través da súa rede de vendedores. Pola súa banda, The Champions Burger, no exterior de Vialia, ofrecerá 10.000 lentes o propio día da eclipse, aínda que será necesario mercar, mínimo, unha bebida ou unha ración de patacas. 

Como en Vigo non se producirá unha totalidade absoluta, as lentes non deberán retirarse en ningún momento ao mirar directamente cara ao Sol. Tampouco se deben usar prismáticos, telescopios ou cámaras sen colocar diante do obxectivo un filtro solar axeitado.