Plans e agasallos de comercio local para acertar o Día do Pai

Percorremos a cidade na procura do detalle perfecto para o Día do Pai. Lonxe dos obsequios xenéricos, o comercio local de Vigo ofrece un abano de posibilidades que van dende experiencias gastronómicas a pé de ría ata tendas con personalidade propia no centro.

A gastronomía é un dos piares fundamentais de calquera celebración. Podes comezar a xornada cun bo almorzo en Porto Café ou probando o novo pan de cardamomo de El Trigal. Para o xantar, un arroz ao sol no Albatros ou un festín de carne en The Wolf and the Lamb son opcións excelentes. Se buscas un ambiente máis informal no centro, La Tita Rivera destaca polas súas tapas, mentres que o Bar Primavera ofrece comida rica nunha das prazas con mellor ambiente.

Flamingos Vintage Kilo

Rúa Dr. Cadaval, 12

Os amantes da música teñen unha boa baza nesta tenda de roupa de segunda man. A súa aposta para este Día do Pai céntrase en camisetas de bandas de rock icónicas como Iron Maiden, Sex Pistols ou Pink Floyd. É un regalo perfecto para eses pais cun espírito melómano que queren lucir os seus grupos favoritos cun toque diferente.

Felicetta Gualteri

Rosalía de Castro

A deseñadora especialista en reciclaxe textil propón unha faldriqueira feita a man, un regalo práctico e orixinal para o día a día ou para viaxar. Tamén ofrece camisas de patchwork de deseño para os que lles gusta vestir pezas únicas.

Galerías Fetén

Rúa Elduayen, 28

Coa vista posta na primavera e o verán, as camisetas de Bask In The Sun son unha das pezas máis destacadas deste establecemento. Esta marca de Biarritz combina a esencia mariñeira con texidos frescos e as tendencias máis actuais da moda urbana. Están fabricadas con algodón orgánico e producidas en Portugal, garantindo un estándar de calidade e sostibilidade moi elevado.

Le Marche de Rachel

Rúa Carral, 15

Nesta tenda de roupa e complementospodes atopar unha taza deseñada especificamente para o “mellor pai do planeta”. É o complemento ideal para servirlle o almorzo na cama e comezar o 19 de marzo con moi bo pé.

La Contenedora

Eduardo Iglesias, 11

Neste contedor creativo ofrécense produtos de artesanía, ilustración, literatura, música de artistas galegos e locais. Para este día do pai propoñen esta cazadora da marca de moda Loreak Mendian.

Librouro

Rúa de Eduardo Iglesias, 12

Un clásico que sempre funciona é un libro e nesta libraría poden axudarnos a atopar o que máis se axuste aos intereses do noso pai. Tamén contan cunha sección de papalería e outra de filatelia.

MUTA

Para quen busque un plan cultural diferente, este domingo repítese o roteiro guiado ‘O Vigo dos Valcarce‘. Trátase dun paseo conducido por David Amoedo para descubrir a pegada desta familia na industria local, desde a Panificadora ata os tranvías. A xornada comeza ás 11:00 h na Praza do Concello e inclúe, ao finalizar, un viño e petiscos en MUTA.

Rataloka

Se o teu pai busca algo creativo e fóra do común, un vale agasallo para unha tatuaxe pode ser unha idea moi orixinal. O estudo de tatuaxes creou unha coidada caixiña para a ocasión que inclúe o vale, doces, un chisqueiro, adhesivos e un bolígrafo. Se o valor do vale supera os cen euros, engaden unha crema protectora.

Sala Rebullón

Para un plan con máis ritmo, o concerto de Ivette Cepeda pode ser un acerto. A artista cubana presenta o seu espectáculo Cruzando puentes, onde fusiona a canción de autor coa tradición do bolero. Acompañada polo guitarrista Jose Luis Beltrán.

Vaidhè

Unha tenda chea de ideas de regalo artesanais na que destacan as bandexas de aperitivo froito dunha colaboración creativa entre Croissant Mixto e Lauceramics. Son pezas de gres feitas a man, únicas e cun deseño moderno e sinxelo que as converte na escusa perfecta para organizar unha merenda.

Woodtown

Esta tenda de roupa urbana e skate é o lugar indicado para atopar roupa e complementos con ese aire moderno que moitos pais buscan: camisas, mochilas, zapatillas, gorras…todo cun empaquetado especial para regalo. Con motivo do día do pai a tenda está decorada con vinilos de pais célebres dos debuxos animados como Homer Simpson, Darth Vader ou Pedro Picapedra.