REVISTA ABRIL

Pilar Pérez: «A finalidade da folga era acabar coa ditadura»

Pilar Pérez Rodríguez (Cabral, 1947) traballou en Empresas Álvarez desde 1962 ata 1969, cando a detiveron. Afiliouse ao Partido Comunista de España (PCE) ese mesmo ano e participou na fundación de Comisións Obreiras (CCOO) en 1976, onde aínda milita. Foi readmitida en Álvarez debido á amnistía aprobada polo Goberno en 1977, onde traballou e continuou a loita ata prexubilarse canda o peche da fábrica.

Pilar Pérez no porto de Vigo en 2022 | P. Cermeño

Como viviches aquel setembro de 1972?

Nese momento, eu estaba sen traballo. Tiña 15 anos cando entrei en Álvarez, pero en 1969 fun detida por participar na manifestación do Primeiro de Maio; ao volver ao traballo, fun despedida por falta de asistencia. Cando empezou a folga, eu militaba no Partido Comunista de España (PCE) e participei desde o inicio. Ao outro día de parar Citroën, foron parando Ascón, Barreras, Freire, Vulcano… A cousa chegou ata o monte de Cabral e foi a cousa máis grande que se fixo daquela. Tiñamos a visión de que aquilo se esparexera. Foi cara a Asturias e ata o resto do Estado, pero non callou; cando algo empeza hai que saber tamén cando acabalo. Viuse a forza que tiñamos e recibimos o apoio absoluto da cidadanía.

Tiñades entón unha intencionalidade política?

A folga foi política ao cen por cento. É certo que todo comezou en Citroën, cando se lle solicitou á empresa deixar de traballar os sábados pola tarde, pero tiñamos como finalidade loitar contra o goberno fascista da ditadura. Tiñamos un inimigo común, de aí veu a forza tan grande que se demostrou en Vigo. Abofé que isto non xurdiu do nada, senón dun traballo que se levaba facendo na clandestinidade.

Desde cando te interesaches pola política?

A miña familia era humilde e almorzábamos antes de saír para traballar se había comida, pero logo chegaba á fábrica e vía que había un cazo de leite para o can do dono da fábrica, Moisés Álvarez; ao mediodía, o porteiro ía á carnicería de diante a mercar o xantar para o animal… Axiña me interesei por entrar no sindicato, pero resultou ser un sindicato vertical; tan pronto como os xefes souberon do meu interese, castigáronme nun almacén a arquivar caixas. Tamén me chegaba información grazas a meu irmán, que traballaba en Vulcano. En 1969, afilieime ao Partido Comunista.

Para ti, que foi o máis importante desta folga?

O pulso que lle botamos á ditadura. Tamén a solidariedade do pobo; a xente abríanos a porta da casa para escondernos, facíase unha colecta no supermercado para comprar alimentos e axudarnos, na lonxa gardaban peixe para nós… Foi unha cousa espectacular.

Por que se detivo a folga?

Algúns queriamos seguir, pero non había cartos. Cada vez eramos menos, hai que saber ata onde se pode chegar. Nas portas das fábricas había colegas que choraban porque non querían crebar a folga e tiveron que ir os propios despedidos a empurralos para que o fixesen. Así e todo, houbo un antes e un despois da folga, aquilo serviunos para comezar a facer cousas. Botáronse a andar convenios colectivos e a patronal nos empezou a mirar con certo respecto.

Hai quen pensa que o PCE iniciou a folga coa idea de paralizala logo, como estratexia para demostrar forza ante Madrid.

Os que se reunían e decidían que se ía facer ao outro día eran os representantes sindicais de todas as empresas; eran eles os que valoraban como ía a loita. O partido podía dar certas directrices, pero non teño a apreciación de que se impuxese nada.

Conseguistes o que esperabades co remate do franquismo?

REVISTA ABRIL

Non. Houbo un avance tremendo, pero os empresarios eran os mesmos e houbo que seguir pelexando contra eles. Iso perdeuse hoxe en día, a mocidade acepta asinar un contrato de oito horas diarias para acabar traballar unha ducia, con salarios que non lles chegan para emanciparse. Hai que organizarse e cambiar as cousas desde dentro, pero a xuventude de hoxe só se organiza, como moito, para ir a algún concerto.

Tamara Novoa

Editora

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.