Picnic Sesións despídese tras cinco anos de música e comunidade en Saiáns

As Picnic Sesións despídense de Saiáns. O festival celebrará os días 5 e 6 de setembro a súa última edición no parque de Radio Costeira, poñendo fin a cinco anos de actividade cultural na parroquia viguesa.

O proxecto naceu a finais de 2021 da man da Asociación Cultural Lideiras, creada por veciñas e veciños de Saiáns ante a falta de propostas culturais na zona. Desde entón, as Picnic foron medrando e probando diferentes formatos ata converterse nun punto de encontro para a veciñanza, con música, cultura, mercado, actividades familiares e propostas relacionadas coa natureza.

REVENIDAS

Un dos logros das Picnic foi poñer en valor o parque de Radio Costeira, un espazo pouco coñecido que acolleu boa parte da programación. A música, con especial atención ás bandas locais e galegas, foi sempre un dos principais fíos condutores do festival, xunto ao ambiente familiar e a gratuidade da proposta. Para esta última edición, a organización quere que «sexa unha celebración de todo o que vivimos xuntos».

O sábado 5 a programación comezará cunha limpeza na praia e un roteiro forestal da Comunidade de Montes de Saiáns. Tamén haberá unha xuntanza de homenaxe a Mingos Teixeira e o Certame de Pintura Rápida que leva o seu nome. A música chegará da man de Zeltia Irevire, en formato acústico, Los Pontiaks e Jamming Morrazo, que ofrecerá unha pinchada reggae. A xornada contará ademais coa proposta de Duende Circo para toda a familia.

A xornada do domingo 6 comezará cunha charla da Comunidade de Montes e a presentación da cooperativa Somos Terra. O apartado infantil estará protagonizado por Paco Nogueiras, e o musical por Manuel Cebrián Trío Jazz e La Jam de Seila.

Durante toda a fin de semana haberá tamén Espazo Infantil de Aidi&Us, mercado, foodtrucks e obradoiros, ademais do certame de pintura. Todas as actividades serán de entrada libre.