Picnic Sesións: a revolución cultural de Saiáns que naceu no corazón de Radio Costeira

Na parroquia viguesa de Saiáns, onde o Atlántico se funde co Val Miñor, un grupo de veciños creou, ante a falta de propostas culturais na zona, a Asociación Cultural Lideiras, unha iniciativa sen ánimo de lucro que transformou a vida social da comunidade a través do seu proxecto estrela: as Picnic Sesións. A seguinte edición terá lugar os días 9 e 10 de maio en Radio Costeira.

Blackstereo actuando nunha edición anterior das Picnic Sesións | L. Alonso

A motivación para crear Lideiras foi clara e persoal. María, unha das fundadoras, explica que a idea xurdiu ao notar que “na nosa parroquia, onde vivimos, non había ningún tipo de actividade cultural”. Pensando no futuro do seu fillo, decidiu que “no lugar de esperar a que se programaran as cousas, pois decidimos dar un paso adiante e comezar a facelas nós”. Así, en decembro de 2021, arrancou un proxecto que hoxe conta cunha directiva de catro persoas e unha ampla rede de persoas voluntarias.

MILLO VERDE

Un dos grandes logros do festival foi poñer no mapa un espazo que, malia as súas impresionantes vistas, era un gran descoñecido: o parque de Radio Costeira. Mica, membro da asociación, destaca a sorpresa que supuxo descubrir que “moita xente non sabía nin que existía este espazo”. Ademais, con ese nome recuperaron precisamente a memoria histórica do lugar, que antigamente albergaba unha estación de radio costeira, un dato que moita xente descoñecía. Hoxe, grazas ás Picnic Sesións, familias e grupos de amigos voltan ao parque de forma habitual, converténdoo nun punto de xuntanza mesmo fóra dos días de evento.

María, Mica e Isa, tres dos organizadores do festival | Cedida

O camiño non foi lineal. Ao longo destes anos, Lideiras foi “probando diferentes opcións para intentar mellorar” e buscar un equilibrio coa vida persoal. Comezaron con eventos mensuais durante toda a primavera e verán, pasaron por formatos divididos en varios volumes e un gran festival en setembro. Tras esta experiencia, concluíron que a primavera é a súa mellor época, xa que permite desfrutar do sol sen a saturación de festivais propia do verán. “Se queres xenerar cambios tes que facer as cousas de diferente maneira”, afirma María sobre a súa filosofía de traballo.

A música é o fío condutor das sesións, sempre cunha aposta firme polas bandas locais e galegas. O cartaz das Picnic Sesións caracterízase por ser ecléctico: folk tribal de Zeltia Irevire, blues rock psicodélico de Zålomon Grass, o metal de Aphonnic, o folk rock de Family Folks, o funk de Phantom Club, o rockabilly instrumental de Los Pontiaks, o surf de The Manueles, o folk de Caldo, a tropicalia de Bifannah, o hip hop de High Paw

Family Folks actuando nas Picnic Sesións | P. Cermeño

A vindeira edición de maio (días 9 e 10) promete ser moi especial por dous motivos. Por primeira vez, o jazz terá un oco no festival co concerto de Manuel Cebrian Trio Jazz. Pero se hai un momento cargado de emoción nesa fin de semana será a homenaxe a Mingos Teixeira, o recoñecido pintor e mestre que faleceu o pasado verán. María, que foi a súa alumna e tamén mestre no seu taller, destaca a relevancia de Teixeira, por cuxas aulas pasaron centos de persoas durante máis de 35 anos. Ademais dunha xuntanza pública de exalumnos, o festival celebrará o seu Certame de Pintura Rápida na súa honra, un evento que xa comezara en vida do artista e que agora adquire un significado especial.

As Picnic Sesións seguen a ser, en palabras dos seus creadores, un “festival gratuíto, romántico e utópico” que sobrevive grazas á colaboración veciñal e ao desexo de deixar un legado sociocultural duradeiro na parroquia.

Rapaza participando no certame de pintura “Mingos Teixeira” de Saiáns. | J. Teixeira
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.