RevistaNadal

Pereira homenaxea ao Camiño no seu receitario

Na súa edición número 16, o receitario “Cociña de Abordo” recolle pratos con aqueles peixes que os peregrinos dos séculos medievais incluían nas súas comidas.O polbo, a pescada, a luriña, o choco, o bacallau e a vieira son os produtos estrela das 12 receitas adaptadas a tempos actuais da man de reputados chefs galegos.

Banner A Movidiña

Este venres ao mediodía o Centro Comercial Vialia acolleu a presentacion do novo receitario “Cociña de Abordo”, na súa edición número 16. Neste ano Xacobeo quixeron render homenaxe ao Camiño de Santiago, propoñendo pratos con aqueles peixes que os peregrinos dos séculos medievais incluían nas súas comidas durante os seus roteiros, adaptados a tempos actuais: o polbo, a pescada, a luriña, o choco, o bacallau e a vieira. Neste labor de recuperación e modernización gastronómica contaron con colaboradores expertos, como o xornalista e divulgador Cristóbal Ramírez e tres chefs vinculados cos roteiros portugués, francés e inglés do Camiño: Iñaki Bretal (O Eirado da Leña), María Varela (A Parada dás Bestas) e Daniel López (O Camiño do Inglés).

Para a presentación a público contaron cun showcooking de Iñaki Bretal, chef con Estrela Michelín, quen preparou un dos platos incluídos no receitario: un delicioso petisco de vieira salpiementada á prancha con piñóns tostados cunha base de compota de cebola. O evento foi seguido con interese polo público, quen ao rematar puido probar ese manxar e outros que ofreceu a organización. Durante o proceso, Bretal foi explicando cada un dos pasos a seguir e respondendo ás diferentes preguntas, mentres Ramírez, un dos maiores expertos sobre a historia do Camiño, ía engadindo interesantes informacións sobre os alimentos e o modo de vida na Galicia medieval.

Como é tradición, a empresa editou 2500 exemplares que repartirá entre os seus clientes durante estas datas e que tamén poderán descargarse de balde na súa web. Agora si, non hai excusa para non quedar como o mellor anfitrión nestas festas, preparando un prato san, saboroso e con historia.

X