Pereira celebra vinte anos de ‘Cocina de Abordo’ cunha edición guiada polo cociñeiro Javier Olleros
A vixésima edición do receitario de Pereira, Cociña de Abordo, ten como protagonistas ao cociñeiro galego Javier Olleros e a dezanove traballadores da empresa. Pode consultarse online e conseguirse físico comprando nas tendas de Pereira este Nadal.

Pereira Produtos do Mar celebrou esta mañá, a bordo do buque Argos Berbés no porto de Vigo, a presentación da edición especial do seu receitario Cocina de Abordo, que este ano fai vinte anos. Baixo o lema 20 anos, 20 historias, 20 receitas, a compañía rende homenaxe ás persoas que forman parte do grupo.
A nova publicación está dispoñible tanto en formato calendario como en formato libro, e reúne vinte receitas e vinte historias persoais que conforman unha edición especialmente emocional. Nesta ocasión, os protagonistas foron dezanove traballadores e traballadoras do Grupo Pereira, responsables de seleccionar as súas receitas favoritas das diferentes edicións ao longo destas dúas décadas. O chef Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau, con dúas Estrelas Michelin, revisou e versionou estas 19 propostas e sumou a receita número vinte, creada en exclusiva para esta publicación. Elixiu a lura patagónica como progatonista para elaborar unha lura napada con tinta sobre beurre blanc de mexillón e penca estofada. Durante o acto, Olleros elaborou en directo o prato, acompañado polo cociñeiro do propio barco de Pereira e persoal do seu restaurante.
Nacido en 2006 como unha homenaxe aos cociñeiros de barco, Cocina de abordo medrou ata converterse nun esperado lanzamento anual e un arquivo con máis de 200 receitas con produtos do mar, 50.000 calendarios repartidos e 100.000 descargas na web. Ao longo destes vinte anos múltiples edicións dedicadas á divulgación gastronómica, á alimentación saudable entre a infancia, a dieta atlántica, a innovación culinaria ou a recuperación da memoria cultural e literaria, como os dedicados a Emilia Pardo Bazán e Álvaro Cunqueiro. Ademias foi recoñecido con premios como o FROM en 2010 ou o Galicia Alimentación en 2022.
O calendario consíguese facendo unha compra nalgún dos establecementos de Pereira este Nadal (Beiramar, 59 e Ronda de D. Bosco, 41).Todas as edicións poden consultarse e descargarse en www.pereira.es/recetarios e www.recetaspereira.es.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Los Secretos, Pequeártiko e Millán Salcedo esta fin de semana en Vigo - 24 Decembro, 2025
- ‘Iribarne’ e o limbo cultural de Vigo: por que a xira de despedida non pasa pola cidade - 22 Decembro, 2025
- Búscanse cineastas frikis para a décima edición do GFFF - 19 Decembro, 2025
- A Laxe enche o Nadal de plans para grandes e pequenos - 17 Decembro, 2025
- Pereira celebra vinte anos de ‘Cocina de Abordo’ cunha edición guiada polo cociñeiro Javier Olleros - 10 Decembro, 2025


