Pepe Solla chama á solidariedade na Gran Recollida do Banco de Alimentos de Vigo
O Banco de Alimentos de Vigo celebra os días 7 e 8 de novembro, a súa tradicional Gran Recollida Solidaria, a cita máis importante do ano para a entidade, coa que aspira a superar os 325.000 quilos de comida recadados na pasada edición.

Baixo o lema Dámolo todo, o Banco de Alimentos de Vigo fai un chamamento á solidariedade da veciñanza viguesa, para que participen na súa tradicional Gran Recollida de Alimentos anual. Centos de persoas colaborarán como voluntarias, formando unha marea azul encargada de informar á cidadanía e recoller as doazóns nas portas dos supermercados. As doazóns poderán facerse tanto de forma presencial, entregando produtos básicos como leite, aceite, arroz, legumes ou conservas, como de forma virtual, a través das webs do Banco de Alimentos ou dos supermercados participantes.
O obxectivo é recadar a maior cantidade posible de alimentos non perecedoiros, que será clasificada e distribuída entre distintas entidades sociais e comedores da zona, garantindo que chegue a quen máis o precisa. O Banco de Alimentos de Vigo presta axuda a máis de 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade, a través de 154 entidades sociais da provincia. Durante o último ano, repartiu 1,4 millóns de quilos de alimentos.
O chef pontevedrés Pepe Solla, propietario d o restaurante Casa Solla (Poio) e cunha Estrela Michelín, é o padriño da Gran Recollida 2025, tomando o relevo da actriz Diana Nogueira. No acto de presentación, celebrado o pasado outubro no almacén de Lavadores, o cociñeiro recibiu o tradicional peto azul e asegurou sentirse “honrado e agradecido” por colaborar cunha iniciativa que “lembra o valor da solidariedade fronte á pobreza”.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Pereira celebra vinte anos de ‘Cocina de Abordo’ cunha edición guiada polo cociñeiro Javier Olleros - 10 Decembro, 2025
- Lume de Carozo, un clásico que nunca foi convencional - 7 Decembro, 2025
- Milongas, o asador que non anda con contos - 9 Novembro, 2025
- O Festival de órgano 8 Pés celebra o seu quinto aniversario coa edición máis internacional - 7 Novembro, 2025
- Pepe Solla chama á solidariedade na Gran Recollida do Banco de Alimentos de Vigo - 7 Novembro, 2025



