Pecha a Galería Maraca, referente cultural do Vigo underground

A Galería Maraca pecha o seu local na rúa Doutor Cadaval despois de case catro anos de actividade por mor das continuas goteiras que ao longo do tempo veñen causando estragos no espazo, nos equipos informáticos e nos produtos da tenda. Deste xeito, despídese de forma indefinida un dos proxectos culturais máis activos e exitosos dos últimos anos na nosa cidade. A tenda permanecerá aberta ata o sábado 24 de xaneiro con descontos de ata o 50 %.

Jesús Núñez e Raúl Bermúdez, creadores de Maraca | P. Cermeño

Comezamos o ano cunha mala nova: a Galería Maraca, bastión do Vigo contracultural e underground, pechará as súas portas a final deste mes de xaneiro. Así o anunciaron este xoves nas súas redes sociais, sinalando as constantes goteiras do local (e o caso omiso da comunidade de veciños e dos propietarios) como a principal causa do cese da actividade. Estas filtracións levan anos causando estragos no interior do local, nos equipos informáticos e nos produtos da tenda (libros, láminas…), moi sensibles á auga.

XORNADA XUNTA

Concerto de Helen & Shanna en Maraca | P. Vázquez

Galería Maraca abriu por primeira vez ás súas portas en decembro de 2021 na rúa Cervantes, en Churruca. Medio ano despois mudábanse á rúa Doutor Cadaval 12, nun local amplo que lles permitía dividir o espazo en tenda, oficina de traballo, zona expositiva e área de actividades e eventos. Ao longo destes tres anos Maraca foi un auténtico fervedoiro cultural: acolleu exposicións, presentacións de libros e cómics, concertos, DJ, proxeccións, microteatro, charlas… Tamén foi a sede principal do festival Creativa, organizado polos responsables de Maraca, un evento único na cidade que mesturaba con criterio e frescura diferentes disciplinas artísticas.

Galería Maraca | P. Cermeño

Malia a inminente despedida, desde Maraca indican que queren despedirse “pouco a pouco e, a poder ser, acompañadas”, polo que a tenda permanecerá aberta ata o sábado 24 de xaneiro, con descontos de ata o 50 % para “axudar a vaciala”. Tamén puntualizan que Chachachá Studio, o estudio de deseño que está detrás de Maraca, continúa operativo como ata agora, pero noutra ubicación. Tamén deixan unha porta aberta ao futuro: “O peche de Maraca non supón o final do estudo nin da nosa maneira de entender a cultura, o deseño e a creación, senón unha pausa obrigada para este espazo concreto”.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.