VIALIA
bannerPicnicSesions

Patricia Crujeiras: “Encantaríame traballar en pasarela”

‘Deja las líneas correr’ é o nome da colección coa que Patricia Crujeiras resultou gañadora en 2018 do certame Xuventude Crea (aínda está aberto o prazo para participar na edición de 2020), promovido por Xuventude da Xunta de Galicia. Para formarse como deseñadora Crujeiras tan só tivo que cruzar a ría para vir da súa vila natal, Cangas, a escola PIN Factory de Vigo, onde estudou Deseño de Moda. Despois decidiu continuar os seus estudos co Ciclo superior de patronaxe e moda no Instituto Manuel Antonio.

En 2016 quedaches de terceira nos Premios da Xunta Xuventude Crea e en 2018 de primeira. Supuxo este recoñecemento un pulo na túa carreira?

Si e non. Creo que te fai visible dalgún xeito e, desde logo, dalle puntos ao currículum, pero por desgraza non podo dicir que me proporcionase oportunidades laborais inmediatas. Foi máis importante a nivel persoal, xa que sentes que á xente gústalle o que fas. Dá moitos ánimos á hora de seguir creando e buscando traballo.

Tamén te vimos na Fashion Week de Pontevedra

Iso foi en 2015. Daquelas aínda estudaba o FP e mandei, sen demasiadas esperanzas, un dos bocetos que tiña das actividades de clase. A sorpresa foi que fun unha das dez seleccionadas para formar parte da pasarela Zero, dedicada aos deseñadores máis novos.

É complicado abrirse camiño no mundo da moda?

Si, e aínda máis complicado se queres deseñar. Ata o mes de xullo estiven traballando nunha empresa viguesa que se chama Partenon e dedícase a confeccionar uniformes de traballo, como poden ser os da Policía. Aí traballaba en control de calidade das prendas. Non é no que me quero especializar, pero síntome afortunada de poder tomar contacto co sector da moda, unha oportunidade que non todos os meus compañeiros de promoción están tendo. Como polo momento aínda non teño unha carreira estable, sigo formándome cun curso en Deseño gráfico.

Ves máis oportunidades laborais nese ámbito?

Creo que son complementarios. O traballo en deseño de moda xa se realiza todo por ordenador e pulir esas competencias creo que é moi útil para min, xa que no ciclo case non me formaron neste sentido. Actualizarse é sempre positivo e todo o que sexa deseño está dentro do meu traballo ideal.

Cal sería ese posto soñado?

REVISTA ABRIL

Eu vexo a moda como un traballo creativo e artesán e encantaríame traballar en pasarela, pero sei que é moi complicado. Por outra banda, tamén creo que traballar nunha gran empresa me daría moita experiencia: tratar con proveedores, escoller teas, ir ás feiras…son cousas que me encanta facer.

Que cres que ofrecedes a xente nova ao sector da moda?

Somos xente moi formada, especialmente en ferramentas tecnolóxicas imprescindibles no mundo do deseño hoxe en día. Tamén aportamos outra visión, pois estamos máis concienciados coa ecoloxía, por exemplo. De momento é complicado que a moda sostible compita en prezos, pero cada vez hai máis conciencia.