Paris de Noia, queima do Meco e moita música esta fin de semana en Vigo

Esta fin de semana temos aínda plans de Entroido e variadas propostas musicais coma Malabesta, Anabel Lee, Niños Bravos, Carmen Rosende & The burning Laikas e mesmo un certame regueifeiro. Se queres ver máis plans preme aquí.

París de Noia | Cedida

ENTROIDO: CONCERTO PARÍS DE NOIA + QUEIMA DO MECO – Venres e sábado na Porta do Sol – De balde

Debido as incesantes chuvias, o Concello decidiu mover as datas dalgúns eventos que conforman a programación municipal do Entroido. O concerto da París de Noia celebrarase o venres 20 e a queima do Meco o sábado 21, na Porta do Sol.

CONCERTO MALABESTA – Venres ás 19:30 h no CC Vialia – De balde

Malabesta é unha banda de folk-rock en galego cunha enerxía salvaxe e indomable. Cunha formación que mestura voz, violín, guitarra, contrabaixo e percusión, constrúen un potente directo que navega entre o blues, o folk e o espírito pirata. Un espectáculo musical intenso e vibrante, cheo de carácter, forza escénica e personalidade propia.

ESPECTÁCULO MISIÓN IMPRO-SIBLE – Venres ás 20:30 h no Teatro García Barbón – Desde 24,20 €

Dous irmáns xemelgos de Cádiz (os únicos irmáns xemelgos do mundo con pais diferentes) e desempregados, deciden entrar nunha organización para roubar unha xoia e saír da pobreza. Ambos terán que ir superando probas, guiados por unha voz misteriosa ao longo de todo o espectáculo, para poder formar parte desa organización. Con millóns de visualizacións nos seus vídeos nas redes sociais e unha gran rapidez mental, sen dúbida será o espectáculo cómico do ano 2025.

RETRO GALICIA – Sábado e domingo desde as 10:00 h no IFEVI – Desde 7,00 €

Volve Retro Galicia ás instalacións do recinto feiral de Vigo, os días 21 e 22 de febreiro de 2026. Un evento para todos os públicos no que poderás gozar de varias exposicións de coches e motos clásicas, zona de compra-venda entre particulares, aparcadoiro para os clásicos dos afeccionados, postos de recambios, accesorios, agasallos e moito máis.

XIII EDICIÓN DA MOSTRA DE IMPROVISACIÓN DE REGUEIFAS – Sábado e domingo ás 19:00 h e ás 18:00 h no CVC Valadares – De balde

Dúas xornadas para afondar neste xénero caracterizado polo uso que fan do bo humor, do enxeño e tamén da improvisación. Ademais de presenciar este espectáculo de improvisación, poderemos coñecer máis sobre esta tradición a través da proxección de dous documentais sobre esta temática.

CONCERTO ZIMMER, WILLIAMS E 100 ANOS DE CINE – Sábado ás 19:30 h no Teatro García Barbón – Desde 38,50 €

Concerto conmemorativo que contará con bandas sonoras icónicas da historia do cine como Piratas del Caribe, El rey León, Star Wars o Harry Potter.

OBRA DE TEATRO: SUMAR: ARCHIVOS DO PASADO – Sábado ás 20:00 h na Sala Ártika

É unha obra de teatro para persoas a partir de 14 anos do Centro de Investigación Teatro La Peste, baseada na novela Sumar de Diamela Eltit. A montaxe presenta unha caravana de manifestantes que camiña cara á Moneda cargando demandas históricas, fracasos, rabia, feridas e traizóns, nun retrato contundente da protesta social chilena e da desigualdade en Chile e en América Latina.

CONCERTO ANABEL LEE + NIÑOS BRAVOS – Sábado ás 21:00 h no Island Club – 16,50 €

Anabel Lee, a banda de indie punk integrada por Víctor Mejías, Albert Perdices (Perdi), Jordi Orellana e Vio, amosará o seu directo desgarrador, coidando ao máximo a súa imaxe e estética para que todo encaixe en harmonía, pero sen esquecer o seu punto forte: o directo. Farano da man de Niños Bravos, o supergrupo formado por Nacho García, Rita Dolores, Dani Belenguer e Miky Llaguno, cun ritmo elocuente, garaxeiro e con melodías que lembran o alt-pop melódico.

CONCERTO SUN IOU + BARBITÚRICOS + DJ BOLACHAS – Sábado ás 21:00 na Sala Rebullón – Desde 10,00 €

SUN IOU é un proxecto musical colectivo nacido en Vigo, onde a mestura sen complexos e a palabra como ferramenta política e poética son o corazón da proposta. Gaitas con actitude, voces femininas, electrónica, guitarras poderosas e unha posta en escena coral que atravesa corpo e emoción. “EGOS” é o novo capítulo deste berro colectivo: identidade, memoria, feminismo e futuro creado desde a tradición. Un directo intenso, honesto e cargado de mensaxe.

CONCERTO CARMEN ROSENDE & THE BURNING LAIKAS – Sábado ás 22:00 h en La Pecera – Desde 10,00 €

A banda revisita o legado de Nina Simone desde unha perspectiva actual, combinando influencias da música clásica e o jazz co soul, o rock progresivo e matices barrocos. Coa voz intensa e expresiva de Carmen Rosende como eixe central, o espectáculo propón unha experiencia íntima, poderosa e bailable que celebra a vixencia e o espírito libre da artista.