Vive la femme!
Na nosa cidade existe unha comunidade de mulleres apoderadas que responden ao berro de «Oui Jane!». Conviven achegando ideas frescas e novas baixo o abrazo de Violeta Bouzada, fundadora e dona da firma e experta no mundo da moda, e de María Gago, responsable de comunicación e deseño da marca. Quéreste unir a elas? Presta atención.
Tras un tempo traballando no mundo da fast fashion en París, Violeta decidiu tomar un novo rumbo e deixarse reconquistar polo seu Vigo natal, fundando esta marca de nome francés e de corazón vigués: Oui Jane! Trátase dun proxecto baseado na produción local de téxtil e xoiería a base de materiais reciclados, como a prata; e unha liña ideolóxica de corte feminista, como o lema «be sorora»; convidando así ao coidado do ambiente, á igualdade e á sororidade.
O sector téxtil está composto nun 80 % de mulleres, polo que desde esta empresa se tomou como principio a idea de mellorar e crear un compacto social positivo para todas as que conforma o mundo da moda. A marca conta con colaboracións diversas, como a DJ Toccororo, a fotógrafa Arancha Brandon ou a estilista Sara Vasques, entre moitas outras amigas que decidiron levantar a voz e facer que o feminismo máis sostible e xusto chegue aos nosos armarios e xoieiros.
Se ti tamén queres formar parte desta pequena gran revolta, colga no pescozo o modelo «Notebook» para escribir unha historia de teu ou leva nas mans o anel «Mood» para aceptar as emocións que sentes. Pon a camiseta Sister se queres ver o mundo con lentes violetas e usa a tote bag «Girl Gang» para animar o teu equipo favorito. Mercando estes produtos en ouijane.com darémoslle pulo ao comercio local e ás nosas emprendedoras. Se queres saber máis sobre esta marca de mulleres da terra para mulleres do mundo, non dubides en ler o magazine online que publican, no que falan dos seus procesos de produción e de temas sociais que nos preocupan a todas. A girl gang viguesa xa está aquí.
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Papayan, dúas boas pezas - 7 Xullo, 2023
- Madriguera Workshop, a toba da cerámica - 23 Xuño, 2023
- Lar Atlántica, un oasis urbano - 20 Xuño, 2023
- Floradeira, xogos florais - 5 Maio, 2023
- Andión: De tal pano, tal saia - 14 Abril, 2023