Amigos de la Ópera presenta ‘Don Giovanni’ e outras dez actividades
A Asociación Amigos de la Ópera de Vigo presenta unha nova edición do Otoño Lírico cunha programación encabezada pola ópera Don Giovanni, de Mozart, e dous concertos protagonizados por figuras internacionais da lírica. O festival desenvolverase entre setembro e novembro con ópera, concertos, cinema, conferencias e actividades divulgativas.

A Asociación de Amigos de la Ópera de Vigo (AAOV) presenta a programación para o outono de 2026, formada por once actividades que combinan grandes títulos do repertorio operístico, voces consagradas, creación contemporánea e propostas divulgativas arredor da música e do cinema. Como novidade, o ciclo inclúe en 2026 charlos en colexios para espertar a curiosidade e o gusto dos máis novos pola ópera.
As entradas para os catro espectáculos están á venda en Ataquilla, mentres que as charlas e as proxeccións son de acceso gratuíto. As persoas socias teñen un 50 % de desconto nas entradas utilizando o código que lles facilita a asociación.
Ópera Don Giovanni
O prato forte do festival chegará o 1 de novembro no Teatro García Barbón coa representación de Don Giovanni, de Wolfgang Amadeus Mozart, considerada “unha das obras máis influentes e complexas da historia da música occidental”. A ópera foi estreada en 1787 e nela a figura de Don Giovanni “trascende o mito do sedutor para converterse en símbolo de liberdade e desafío moral”, nunha obra que influíu decisivamente no Romanticismo e na concepción moderna do antiheroe.
A produción ofrecerase na versión orixinal estreada en Praga e contará cun destacado elenco encabezado por Borja Quiza, Sofía Esparza, Gerardo Bullón, Francisco Corujo, Ruth Terán, Carolina Moncada, David Cervera e Pedro Martínez-Tapia. A proposta contará coa dirección escénica de Teresa Garzón e coa dirección musical de Fernando Briones, ademais da participación da Orquestra e Coro GAOS. A produción corre a cargo de Musical Lanzarote.
Ópera Tristana
Outra das grandes citas do festival será Tristana, considerada “a última gran ópera de cámara contemporánea española”, que poderá verse o 11 de outubro no Auditorio Afundación. A obra, composta por Miguel Huertas-Camacho sobre libreto de Jorge Volpi a partir da novela de Benito Pérez Galdós e do guión cinematográfico de Luis Buñuel e Julio Alejandro, sitúa a acción na actualidade e revisita os conflitos morais e sociais da obra orixinal.
Trátase dunha coprodución da Ópera de Tenerife, a Comunidade de Madrid e Teatro Xtremo, e contará coas interpretacións de Julia Heras, Gabriel Blanco, César Arrieta e Luisa Torregrosa, baixo a dirección musical de Bauti Carmena e a dirección escénica de Ricardo Campelo.
Grandes voces internacionais
Antes das grandes citas operísticas, o festival ofrecerá dous concertos de grandes voces da ópera internacional. No primeiro deles, o 12 de setembro, Jorge de León e Juan Jesús Rodríguez interpretarán arias e dúos de Verdi, Puccini, Leoncavallo ou Giordano, nun percorrido por algunhas das páxinas máis intensas do repertorio italiano. O 30 de setembro, Celso Albelo e Desirée Rancatore poñerán o foco no repertorio romántico francés e no bel canto italiano.
Novas voces
O festival mantén o seu compromiso coa promoción de novos talentos a través do recital do 17 de outubro no Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo. A protagonista será a mezzosoprano galega Julia Portela, acompañada ao piano por Luis Monsalve. O programa incluirá arias de ópera, romanzas de zarzuela e cancións de autores como Mozart, Rossini, Granados, Vives ou Chapí. A entrada será libre ata completar aforo.
Hablemos de…
O ciclo divulgativo volverá formar parte da programación con dous encontros con entrada gratuíta. O 10 de outubro celebrarase na Sala de Conferencias da Sede Afundación a mesa redonda Tristana, da novela á partitura, coa participación de Miguel Huertas-Camacho, compositor da ópera; Bauti Carmena, director musical; Ricardo Campelo, director de escena; e diferentes membros do elenco.
O 20 de outubro no Auditorio Afundación encontro dedicado a Don Giovanni . A conferencia correrá a cargo do escritor e divulgador musical Ramón Gener.
Ópera no cine
O Auditorio Municipal do Concello acollerá o ciclo de proxeccións pensado para divulgar grandes producións operísticas en pantalla grande. O 22 de setembro proxectarase Fidelio, de Beethoven, mentres que o 13 de outubro poderá verse Aida, coincidindo co 150 aniversario do falecemento de Giuseppe Verdi.
Cine de otoño
O 6 de outubro proxectarase Tristana, de Luis Buñuel, protagonizada por Catherine Deneuve e Fernando Rey. Xa o 27 de outubro será a quenda de Amadeus, a celebrada película de Milos Forman arredor da figura de Mozart.
PROGRAMA COMPLETO
- 12 setembro ás 20.30 horas no Teatro García Barbón – Grandes Voces: Jorge de León e Juan Jesús Rodríguez – Entradas en Ataquilla desde 19,80 €
- 22 setembro, 19.00 horas, Auditorio Municipal do Concello – Ópera no Cine: Fidelio – Entrada libre
- 30 setembro ás 20:30 h no Teatro García Barbón – Grandes Voces: Celso Albelo e Desirée Rancatore – Entradas en Ataquilla desde 19,80 €
- 6 outubro ás 19:00 h no Auditorio Municipal do Concello – Cine de Outono: Tristana – Entrada libre
- 10 outubro ás 19:00 h na Sala de Conferencias da Sede Afundación – Tristana, da novela á partitura – Entrada libre
- 11 outubro ás 20:00 h no Auditorio Afundación – Tristana – Entradas en Ataquilla desde 33,00 €
- 13 outubro ás 19:00 h no Auditorio Municipal do Concello de Vigo – Ópera no Cine: Aida – Entrada libre
- 17 outubro ás 20:00 h no Auditorio Martín Códax – Novas Voces: Julia Portela – Entrada libre
- 20 outubro ás 20:00 h no Auditorio Afundación – Hablemos de… Don Giovanni, con Ramón Gener – Entrada libre
- 27 outubro ás 19:00 h no Auditorio Municipal do Concello de Vigo – Cine de Outono: Amadeus – Entrada libre
- 1 novembro ás 18:30 h no Teatro García Barbón – Don Giovanni – Entradas en Ataquilla desde 22,00 €
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A Selección Galega de Fútbol Gaélico busca apoios para financiar a súa participación nos Xogos Mundiais - 5 Xuño, 2026
- Autobán convoca un premio ao mellor fanzine galego - 3 Xuño, 2026
- Caixiña de Ritmos propón un verán de baile, música e creatividade - 29 Maio, 2026
- Amigos de la Ópera presenta ‘Don Giovanni’ e outras dez actividades - 29 Maio, 2026
- ‘Oasis’, ‘Punto Nemo’ e ‘Ágata y Lola’ encabezan a programación do Festival de Series Ría de Vigo - 27 Maio, 2026



