Os vosos contidos favoritos de A Movida neste 2025

O 2025 está chegando á súa fin e, como cada ano por estas datas, recompilamos cales foron os artigos, novas e vídeos con mellor acollida pola vosa parte. Preme no titular de cada publicación para acceder ao artigo completo e obter máis información.

O cineasta galego é un dos nomes propios da cultura estatal neste 2025. A estrea do filme Sirat (actualmente finalista en cinco categorías dos Oscar) e a posterior campaña promocional fixeron dun cineasta underground toda unha figura mediática. A entrevista que lle fixemos en xuño cando presentaba o filme na nosa cidade tivo máis de 12.000 ‘gústame’, 200 comentarios e case 300.000 reproducións.

Tamén tivo moi boa acollida o mapa e o artigo que fixemos recompilando algúns dos chiringuitos máis destacados de Vigo e a súa área. Alén da cantidade de ‘gústames’, nesta publicación destaca o número de persoas que gardaron o mapa para telo máis a man ao longo do verán: case 2000.

Non é habitual que nestes resumos de final de ano figuren exposicións, polo que a grande acollida de Habitar o baleiro e o seu crowdfunding é unha nova moi boa e tamén sorprendente. A mostra de fotografías de Brais Lorenzo, textos de Cláudia Morán e vídeo de Miguel Riaño estivo no Museo Quiñones de León ata mediados de xullo, e trata sobre o despoboamento do rural galego.

Mapa da represión franquista en Vigo

Outro mapa entre os contidos máis destacados do ano, neste caso sobre a represión franquista na nosa cidade. Axudándonos do proxecto ‘Falando de memoria’, realizado pola Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 mais a Asemblea Republicana de Vigo, situamos no mapa eses lugares de memoria histórica que gran parte da cidadanía descoñece. Outra das publicacións sobre esta temática que espertou moito interese entre os nosos seguidores foi a historia de Flor Baena e do seu irmán Xosé Humberto.

Ambas publicacións incluían un mapa para non perderse nin unha fogueira, sardiñada ou verbena estival na nosa cidade. Case 400 persoas gardaron a publicación das festas de verán!

Dúas estreas galegas: San Simón e Rondallas

A recensión do filme San Simón en outubro e o anuncio da premiere de Rondallas en decembro (estréase o 1 de xaneiro en cines) foron dúas novas cinéfilas cunha grande acollida por parte do lectorado d’A Movida.

Reportaxe O galego en Vigo: lingua que existe e resiste

A reportaxe central da revista de xuño versaba sobre o galego en Vigo, tratando de averiguar como de certa é a estadística do Instituto Galego de Estatística (IGE), que cualifica a nosa cidade como o concello no que menos galego se fala. Falamos cos expertos Xosé Henrique Costas e Gonzalo Navaza para coñecer as súas opinións ao respecto.

Dedicamos a revista de febreiro a afondar no San Brais, unha tradición con máis de trescentos anos de historia que xunta cada febreiro os devotos da comida e a relixión (cada vez máis en minoría) arredor da mesa dun furancho. O Vigués do Mes daquel número foi Artur Puga, percusionista, bailarín e mestre, e a súa entrevista espertou o interese dos nosos lectores e lectoras.

Reportaxe Non é cidade para bibliotecas

Aproveitando o Día do Libro, dedicamos a revista de marzo a analizar a situación das bibliotecas viguesas, e as conclusións foron peores do esperado. Datos como que o Concello de Vigo gasta anualmente o triplo en luces de Nadal que en bibliotecas indignou a gran parta da cidadanía, que non acaba de comprender por que Vigo ten un dos peores ratios de España en canto a bibliotecas por habitante.

REVISTA NADAL

A todos nos gusta comer e descubrir novos espazos, por iso os artigos sobre propostas gastronómicas adoitan ter unha boa acollida nas nosa redes sociais. Os que máis chamaron a atención este 2025 foron o restaurante especializado en churrasco Milongas, o concurso de tapas La Pica, a pastelería artesá Mesturas, o local de carnes a baixa temperatura The Wolf and the Lamb e unha guía con numerosas recomendacións gastronómicas da cidade segundo o tipo de comida que busquemos.