Os vingadores mutantes protagonizan o concurso de cómic do GFFF

O Galician Freaky Film Festival abre a convocatoria do seu concurso de cómic, que este ano celebra a súa cuarta edición e leva por título Vingadores Mutantes. O concurso toma como referencia The Toxic Avenger, filme de culto da produtora Troma Entertainment que converteu a un antiheroe mutante nun símbolo do cinema máis gamberro. A partir desta inspiración, as persoas participantes deberán crear historias orixinais nas que o humor negro e as transformacións corporais sexan elementos centrais.

Fotograma de The Toxic Avenger

Ademais de inspirar o concurso de banda deseñada, The Toxic Avenger, dirixido por Michael Herz e Lloyd Kaufman e estreado hai 40 anos, poderá verse na inauguración da décima edición do GFFF, o xoves 17 de setembro nunha dobre sesión especial.

MILLO VERDE

O prazo de participación no concurso remata o 29 de xuño de 2026. As obras gañadoras exhibiranse na Sala Apo’strophe durante o GFFF e serán recompiladas nunha publicación colectiva. O certame establece cinco premios: unha obra gañadora dotada con 300 euros e cinco exemplares do volume editado, dous premios finalistas de 150 euros e 5 exemplares, e dous accésits que recibirán un pack agasallo e tres exemplares do volume. 

As obras presentadas deberán estar ambientadas na cidade de Vigo e incluír, cando menos, un personaxe vingador ou vingadora mutante. Cada participante poderá presentar ata dúas propostas orixinais e inéditas, cunha extensión de entre tres e catro páxinas en formato vertical DIN A4, en lingua galega ou castelá. As bases completas poden consultarse na web do GFFF. 

O xurado estará formado pola ilustradora Julia Lago, cunha sólida traxectoria no ámbito editorial e institucional; polo polo historiador da arte e crítico Asier Mensuro, con ampla experiencia na análise e divulgación da banda deseñada e a cultura visual; e polo ilustrador Aarón Moucho, vinculado á escena do fanzine, a serigrafía e a autoedición.