Os vigueses Michu da Rocha, Stoned at Pompeii, Abril e Allo Negro, galardoados nos Premios Martín Códax

Este mércores 27 de maio o Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a XIII edición dos Premios Martín Códax da Música, organizados por Músicas ao Vivo. Entre os vinte proxectos galardoados atopamos catro de Vigo: Michu da Rocha, Stoned at Pompeii, Abril e Allo Negro.

O acto, conducido por Tero Rodríguez, tivo as lendas e as supersticións como fío temático, coincidindo co número trece da edición, e así foi representado na posta en escena, evocando as néboas das montañas a través dunha proposta escénica de Diego Valeiras. A Orquestra Neverloura e a artista Laura Lamontagne foron os encargados de poñer a nota musical ao acto no que se homenaxou a banda ourensana Los Suaves.

ESCENICAS

A primeira categoría musical en darse a coñecer foi a de Rock coa banda viguesa Stoned at Pompeii, quen xa conta cunha traxectoria recoñecida no panorama nacional. No apartado de Blues, Funk e Soul foi premiada a banda Allo Negro, composta pola mestura de músicos de blues con ampla traxectoria e novos talentos. A continuación, deuse o galardón de Electrónica a Galician Army, que leva anos destacando en festivais de referencia e contan con colaboracións de éxito cos grupos galegos do momento. Keepers foi a banda de Ferrolterra premiada na categoría de Metal, recoñecendo así unha proposta nova con ampla proxección dentro da escena galega. O premio na categoría de Canción de Autor/a foi para Antía Muíño, cun proxecto no que a súa voz íntima dialoga co jazz e o pop entre a tradición e a contemporaneidade. Hugo Guezeta foi premiado no apartado de Músicas Urbanas, recoñecido polo seu traballo en solitario, tralo seu paso no grupo SonDaRúa. No apartado de Orquestras e Música de Verbena o grupo Lamatumbá foi o encargado de subir ao escenario do Pazo da Cultura, poñendo en manifesto o regreso duns referentes na música da festa. O recoñecemento de Pop e Indie recolleuno Michu da Rocha, o proxecto liderado polo músico vigués Michu Malvar, quen combina o rock n’ roll dos 60 con ritmos moi bailables. O pianista Xan Campos, co seu recente proxecto “Amorodios” que combina jazz e tradición galega, recolleu o premio en Jazz e Músicas Improvisadas. O actor e músico, Paco Nogueiras, levouse o Premio de Música Infantil, sendo recoñecido por segunda vez nesta categoría.

BARAFUNDA

A percusión, as melodías tradicionais e os ritmos electrónicos da artista Lidia India levárona a recoller o recoñecemento a Músicas do Mundo e Mestizaxe, mentres que a compositora e pianista ourensá María Mendoza recibiu o galardón de Música Clásica e Contemporánea. No apartado de Música Folk, o grupo Abril recolleu o galardón cunha proposta centrada na reinterpretación da música de raíz galega desde unha perspectiva contemporánea. Pola súa banda, Carapaus foi recoñecido na categoría de Música Tradicional, destacando polo seu traballo arredor da música popular galega e das tradicións vinculadas ao patrimonio oral e festivo. A Banda de Música Municipal de Celanova foi premiada na categoría de Bandas de Música Popular, recoñecendo así a súa traxectoria e o labor desenvolvido na difusión da música de banda no ámbito cultural galego.

O Premio a Artista Emerxente foi para Lula Mora, o dúo formado por Sara Caride e Silvia Izquierdo, que combina música e poesía nunha proposta que tende pontes entre Galicia e Canarias. A súa música parte da canción de autora e incorpora influencias do indie, o folk e a música de raíz, cun proxecto que este ano publicou o seu primeiro traballo discográfico, Hogar. Nos Premios Organistrum, Galicia en Concierto recibiu o recoñecemento a Comunicación e Difusión Musical polo seu labor na promoción e divulgación da música feita en Galicia. A Sala Capitol foi distinguida como Mellor Sala, consolidándose como un dos espazos galegos de referencia para a música en directo. Pola súa parte, o Festival Alternativo Millo Verde levou o premio a Mellor Festival, recoñecendo unha traxectoria vinculada á música alternativa e á autoxestión cultural.

A gala rematou coa entrega do Premio Honorífico a Los Suaves, recoñecendo así a traxectoria dunha das bandas máis emblemáticas do rock galego e estatal, cun percorrido musical que marcou varias xeracións desde a súa creación nos anos oitenta.

  • METAL E HEAVY: Keepers
  • CANCION DE AUTOR/A: Antía Muíño
  • BLUES, FUNK E SOUL: Allo Negro
  • ELECTRÓNICA: Galician Army
  • ROCK E PUNK: Stoned at Pompeii
  • MÚSICAS URBANAS: Hugo Guezeta
  • ORQUESTRAS, GRUPOS E MÚSICA DE VERBENA: Lamatumbá
  • MÚSICA CLÁSICA E CONTEMPORÁNEA: María Mendoza
  • JAZZ E MÚSICAS IMPROVISADAS: Xan Campos “Amorodios”
  • POP E INDIE: Michu da Rocha
  • MÚSICAS DO MUNDO E MESTIZAXE: Lidia India
  • MÚSICA INFANTIL: Paco Nogueiras
  • MÚSICA FOLK: Abril
  • MÚSICA TRADICIONAL: Carapaus
  • BANDAS DE MÚSICA POPULAR: Banda de Música Municipal de Celanova
  • ARTISTA EMERXENTE: Lula Mora
    Premios Organistrum:
  • Organistrum COMUNICACIÓN E DIFUSIÓN MUSICAL: Galicia En Concierto
  • Organistrum FESTIVAIS: Festival Alternativo Millo Verde
  • Organistrum SALAS: Sala Capitol
  • Premio Honorífico: Los Suaves