REVISTA ABRIL

Os veciños de Freixo organizan actividades para loitar contra os lumes

Freixo foi unha das zonas máis afectadas polos lumes de outubro, pero tamén é unha das parroquias que máis está a traballar para que isto non volva acontecer. Como parte desa labor de concienciación e de repensar o monte, o sábado organizan unha andaina polas zonas queimadas que irá seguida da estrea do documental ‘Un país de cinzas’.

REVISTA ABRIL

Imaxe dun monte vigués trala vaga de incendios do 15 de outubro | @galizacontrainfo

As imaxes dun Vigo cercado polo lume do pasado 15 de outubro deron a volta por tódolos telexornais durante varias semanas. Cinco meses despois, aquelas imaxes quedan lonxe, pero os montes negros serven de testemuña do que aconteceu. Uns feitos que os veciños de Freixo non están dispostos a esquecer, porque de caer no esquecemento corren o risco de que se repitan. Tralos acontecementos de outubro, o Colectivo veciñal Chan Grande, que naceu co obxectivo de preservar o patrimonio natural e cultural da parroquia, viuse na obriga de facer algo para protexer o monte, que tamén forma parte dese patrimonio. César Freiría, un dos compoñentes deste colectivo, explica que un dos grandes problemas que teñen en Freixo é que a meirande parte do monte está en mans privadas e por ende abandonado. A labor que fan dende Chan Grande é a de localizar aos propietarios e, entre todos, crear un espazo para reflexionar sobre as causas de por que ardeu o monte e ver cales son as alternativas para que non volva suceder.

Freiría será o encargado de guiar a andaina polos montes de Freixo, que partirá o sábado ás 17:00. Un percorrido curto no que é benvido público de tódalas idades. A continuación na Asociación de Veciños de Freixo, terá lugar a estrea do documental ‘Un país de cinzas’, gravado por Galiza Contrainfo nos días posteriores aos lumes de outubro. A reportaxe recolle sete testemuñas: Miguel Ucles, bombeiro e presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, Elena Buch, fotógrafa e veciña da Insua, en Pontecaldelas, Maria Lado, escritora e veciña de Coruxo, Xabier Vázquez Pumariño, biólogo ambiental e ecoloxista, José Manuel Vázquez, da directiva da Comunidade de Montes de Tameiga e os veciños de Freixo Raquel Bastos, paisaxista e o propio Cesar Freiría, que foi un dos veciños máis afectados polo lume. Freiría recorda o acontecido aquel domingo con estupor “foi un auténtico inferno”.

Os produtores do documental sinalan que non se lles ocorría mellor lugar onde estrear o documental “pola tremenda labor veciñal que se está a facer na parroquia viguesa para repensar o monte”. A reportaxe, que dura 33 minutos, ten coma obxectivo desmontar certas mentiras e bulos que corren arredor da causa dos lumes e invitar á reflexión colectiva para que non volva acontecer.

(GMT+01:00) A. VV. O Freixo