Os museos da cidade non durmirán durante a celebración da Noite Branca
Vigo prepárase para vivir unha das súas citas culturais máis máxicas, agardadas e concorridas do ano: a Noite Branca. Este venres os principais museos e centros de arte da cidade rompen os seus horarios habituais e abren as súas portas de balde ata altas horas da madrugada.
Pero non se trata só de visitar salas a deshoras; a xornada énchese de concertos íntimos, viaxes no tempo, espectáculos de maxia, obradoiros e visitas guiadas exclusivas. Para que poidas deseñar a túa propia ruta sen perder un só detalle, recompilamos a axenda completa de todos os espazos implicados nesta edición.
Museo Quiñones de León
O Pazo de Castrelos protagoniza unha auténtica viaxe no tempo cen anos atrás. Os seus xardíns históricos encheranse de elegancia, música, arte e cine nunha xornada única para todos os públicos. O plan principal convida a todos os asistentes a acudir vestidos con indumentaria inspirada na época (aínda que non é obrigatorio) para recrear a cosmopolita garden party que Mariana Whyte celebrou en Castrelos en xuño de 1925, descubrindo o deporte, os xogos, a música e os bailes máis chic do momento. A entrada é libre ata completar a capacidade (salvo na visita guiada, que require reserva) e lémbrase que non está permitido comer nos xardíns.
- 20:00 h e 21:00 h. Visita aos xardíns históricos do Pazo de Castrelos (Visita guiada con Noelia Fernández Vázquez): Un percorrido guiado de 45 minutos para descubrir as diferentes especies vexetais e desvelar as anécdotas e historias máis interesantes do xardín. O aforo é limitado e precisa reserva previa.
- 20:00 h. Concerto Melodías que transforman realidades (Son das Flores): Música en vivo baixo o solpor cunha proposta de 75 minutos interpretada por unha formación orquestral composta por tres agrupacións (Alecrín, Margarida, Tulipán) e unha coral de nenos e adolescentes de entre 6 e 15 anos, que combinan a formación clásica con ritmos e melodías populares do mundo. Entrada libre ata completar o aforo.
- 20:00 h e 22:00 h. Garden Party no Pazo de Castrelos (Ambientación histórica con Van Divulgación Cultural): Recreación histórica de 120 minutos que toma como punto de partida a festa de 1925 para dar a coñecer as formas de ocio do momento, o deporte como elemento de distinción de clase, os xogos de moda, a música e os bailes máis elegantes. Entrada libre ata completar o aforo.
- De 20:00 h a 23:00 h. Instalación artística Outras miradas (Habraham Barrios): Unha instalación artística efímera e interactiva concibida como un percorrido penetrable ao aire libre, na que o visitante deixa de ser un observador pasivo para converterse en participante activo da propia obra.
- 22:30 h. Cine na Rúa: Padre no hay más que uno 4 (Xardín na zona de acceso ao Pazo): Proxección de cine ao aire libre para todos os públicos que narra as divertidas peripecias duns pais cando o mesmo día que a súa filla maior cumpre 18 anos, o seu noivo propónlle matrimonio e ela acepta de inmediato. Entrada libre ata completar o aforo.

Casa das Artes
A Casa das Artes convértese nun dos puntos neurálxicos da xornada cunha proposta cultural renovada. O espazo encherase de música en directo, tradición oral, guitarra flamenca e visitas guiadas especializadas para profundar nas súas coleccións artísticas.
- Pases dende ás 20:00 h ás 21:50 h. Visita guiada CMAG*VIGO Colección Municipal de Arte Galega: Un percorrido para coñecer a fondo e descubrir os detalles da exposición da Colección Municipal.
- 20:30 h. Concerto Roxana Mouriño: Un proxecto musical a cargo desta recoñecida intérprete e compositora galega, cuxa traxectoria fusiónase dende o cruce de territories, linguas e a interpretación da guitarra flamenca. Precisa reserva previa, aforo limitado.
- 22:30 h. Concerto Chavellos: Un espectáculo de música tradicional contemporánea galega que parte da tradición oral e do patrimonio musical de raíz para desenvolver unha linguaxe artística actual, próxima e accesible para todos os públicos.
- 23:00 h. Visita comentada Laxeiro. As viñetas que non foron al prelo: Unha visita comentada da man de Javier Pérez Buján, director artístico da Fundación Laxeiro, recomendada para público a partir de 12 anos. Precisa reserva previa, aforo limitado.

Pinacoteca Francisco Fernández del Riego
A Pinacoteca transfórmase nun gran espazo de encontro para gozar da cultura en familia. Ao longo de toda a xornada, o museo encherase de propostas interactivas que inclúen laboratorios de creación artística, obradoiros sensoriais, iniciación á maxia e visitas guiadas especializadas para descubrir de preto as súas novas exposicións. As actividades contan con prazas limitadas, polo que para todas elas precísase reserva previa.
- 20:00 h. Visita guiada Nova Colección Colmeiro: Un percorrido de 50 minutos pola Colección Colmeiro para facer unha aproximación á obra e á figura do artista.
- Pases dende ás 20:00 h ás 23:30 h. Obradoiro Terra. Un espazo-refuxio para a diversidade: Unha experiencia interxeracional e familiar de 90 minutos para explorar o minúsculo a través do xogo e de materiais con forte carga sensorial.
- Pases dende ás 20:00 h ás 24:00 h. Laboratorio de creación artística Binomios fantásticos: Espazo de exploración de 60 minutos para público a partir de 6 anos para experimentar de forma estética coa cor, a luz, a sombra e a construción de cidades imaxinarias.
- Pases dende ás 20:30 h ás 23:00 h. Obradoiro de maxia Quen quere ser mago: Obradoiro participativo de iniciación á maxia dirixido a público familiar onde nenos e adultos descobren os principios básicos o ilusionismo.
- 22:30 h. Visita guiada Fráxil, fácil, núbil… 40 debuxos de Francisco Miguel: Unha visita guiada dedicada a profundar de maneira exclusiva nesta exposición de debuxos.

Museo Verbum
O Museo Verbum súmase a esta xornada especial cunha proposta creativa que convida ao público a interactuar directamente co espazo do propio museo.
- De 20:00 h a 23:00 h. Intervención artística participativa Cartografía emocional de Vigo: Da man da ilustradora e muralista galega Tamara Baz, realizarase unha intervención colectiva sobre parte das cristaleiras do museo Verbum, concibida como unha cartografía de palabras, emocións e recordos vinculados á cidade de Vigo. A partir dunha composición inicial creada pola artista sobre o cristal, o público para todos os públicos irá incorporando as súas propias palabras, frases, citas ou trazos para xerar unha gran colaxe vinculada á memoria, identidade e comunicación da cidade. O aforo é limitado.
Museo Liste Etnográfico
O Liste ofrece unha viaxe antropolóxica polas nosas raíces con catro citas guiadas polas súas educadoras que non precisan reserva previa:
- 20:00 h: Exhibición comentada de zocas e sombreiros tradicionais co artesán Rafael González Goyanes.
- 21:30 h: Percorrido temático sobre a evolución dos nosos hábitos alimentarios.
- 22:30 h: Identidade/Outredade, unha fascinante análise sobre as carautas e máscaras rituais (máx. 20 persoas).
- 23:00 h: Visita guiada completa á colección permanente e os segredos do museo.
- Durante toda a noite: Photocall interactivo co espazo Iconas de estilo e mercado de libros descatalogados e antigüidades coa Libro-Caravan na leira exterior.

MARCO
O Museo MARCO súmase a esta xornada especial abrindo as súas salas en horario nocturno. Ofreceranse visitas guiadas con pases ás 20:30 h, 22:00 h e 00:00 h para descubrir de preto catro propostas artísticas de gran forza visual e reflexiva que abarcan dende proxectos escultóricos ata mostras pictóricas e pezas audiovisuais.
- Alberto Ardid – Hai un lugar: Un proxecto expositivo que combina pezas a medio camiño entre a escultura e a instalación, que se artellan arredor da idea dun aparente triunfo do mal sobre o ben, pero no que aínda se pode albiscar algún raio de esperanza a través dunha narrativa interconectada.
- Mariana Gomes: Mostra de pinturas que transitan a delgada liña entre a abstracción e a figuración cun uso alegre da cor, a forma e as texturas sensuais. O seu método de traballo é rápido, eufórico e provocador, engadindo pequenos cadros con palabras ou frases curtas de contido irónico, crítico e humorístico.
- Francisco Mendes Moreira – Pena miga: Un exercicio plástico áxil, intuitivo e sen complexos onde este artista autodidacta traballa con soportes reutilizados por economía, logrando sorprendentes achados plásticos onde a propia pintura vai pedindo como seguir con independencia da técnica.
- Colección MARCO, 5 – Secuencias, paisaxes (Jonathan Hernández, Enrique Ježik e Jorge Macchi): Unha reunión de obras de tres artistas que comparten unha actitude reflexiva sobre a actualidade, a realidade e os medios de comunicación. A través de carteis, prensa ou imaxes de guerra, illan motivos para compoñer outra historia oculta, incluíndo o vídeo Víctima serial (2001) de Macchi.

Casa Galega da Cultura
A Casa Galega de Cultura súmase a esta xornada especial abrindo as súas portas con visitas guiadas para achegar ao público dúas propostas de gran relevancia cultural e artística. Para asistir a calquera das actividades precísase reserva previa.
- 21:00 h. Visita guiada Conto Atlántico de medianoite: Un percorrido guiado pola exposición temporal para coñecer de preto as claves da suxestiva conexión que o artista establece entre a arquitectura estadounidense e a recoñecida obra do pintor Urbano Lugrís. O aforo é limitado.
- 22:30 h. Visita guiada Coñece a Colección Francisco Fernández del Riego: Unha visita guiada para descubrir a fondo a unha das figuras máis destacadas e comprometidas da cultura galega, así como a valiosa colección artística que legou ao Concello de Vigo. O aforo é limitado
Todo listo para a noite máis culta do ano
Todos estes museos terán as súas portas abertas de balde entre as 20:00 h e as 02:00 h da madrugada (salvo os pases específicos indicados en cada programa). Ademais, a esta xornada nocturna súmanse o Teatro Afundación, que ofrecerá visita libre á súa exposición “Miña nai! Maternidades e crías no mundo animal”, e o Museo do Mar de Galicia, que abrirá de balde os seus dous edificios principais (co acuario pechado por razóns biolóxicas) sen necesidade de reserva. Pódese reservar praza para as diversas actividades centrais a través do correo electrónico reservas.aprmvigo@gmail.com ou nos teléfonos 986 240 130 / 619 948 920.

