Os míticos Hoodoo Gurus darán en Vigo o seu único concerto en Galicia
A lendaria banda australiana súmase ao cartel da novena edición do festival o vindeiro 18 de setembro dentro do ciclo Bites.

O calendario musical de 2026 segue sumando fitos imprescindibles en Galicia. Tras o espectacular inicio co concerto de Jeff Tweedy e o anuncio de nomes internacionais como JET ou St. Paul & The Broken Bones, o Underfest Xacobeo vén de confirmar unha das noticias máis agardadas polos amantes do rock alternativo: a presenza de Hoodoo Gurus en Vigo.
Formados en Sidney en 1981, os Hoodoo Gurus son moito máis que unha banda de culto. Con máis de catro décadas de traxectoria, o grupo logrou unha mestura perfecta entre a forza do garage rock e un instinto pop fóra do común. Referentes para artistas da talla de Steve Van Zandt ou Manic Street Preachers, os australianos chegan a Galicia para defender un legado que inclúe himnos xeracionais como What’s My Scene ou Bittersweet.
A súa actuación o 18 de setembro será a única parada da banda na nosa comunidade, ofrecendo unha oportunidade de ouro para ver de preto a un grupo que figura no ARIA Hall of Fame e que mantén un directo eléctrico e plenamente vixente.
O Underfest Xacobeo consolida así o seu prestixio como unha das citas máis singulares do panorama nacional. Lonxe das programacións repetitivas, o festival aposta por recintos de aforo reducido que permiten gozar da música en distancias curtas, unha filosofía que volveu contar co respaldo absoluto do público: os primeiros abonos esgotáronse en poucos minutos sen nin sequera coñecerse os nomes do cartel.
Esta novena edición conta co apoio estratéxico da Xunta de Galicia a través do programa Concertos do Xacobeo, así como da Deputación de Pontevedra baixo a marca Rías Baixas Fest e a colaboración de SON Estrella Galicia. Un esforzo conxunto que permite traer a Galicia propostas exclusivas e de alta calidade.
As entradas para este concerto único xa se poden adquirir a través de Ataquilla.com.


