Os Merdeiros reviven a tradición do lavado da lá en Fonte Escura para confeccionar as súas máscaras

A Asociación Cultural e Etnográfica A Merdeira levou a cabo unha xornada de recuperación etnográfica co lavado de la de ovella no histórico lavadoiro de Fonte Escura, situado no barrio de Barreiro. Esta actividade, que xa foi completada con éxito, supón un paso fundamental na posta en valor dos oficios artesáns vinculados ao Entroido tradicional de Vigo.

merdeiro é un personaxe do entroido vigués de caracter popular que remitiu nos anos 20 do século XX por medio de ordenanzas municipais que sen mentalos atacaban a súa figura. Recentemente a súa figura está a ser reivindicada de novo por diferentes asociacións. A súa orixe atópase no Berbés, como unha forma de escarnio da xente do mar aos labregos de extrarradio, que ían á ribeira a buscar os restos de peixe, chamado escabiche. Procuraban ridiculizar aqueles elementos do traxe e aparellos de faena máis representativos dos traballadores do campo, esaxerando o seu comportamento ante a sociedade.

O obxectivo principal da xornada de recuperación etnográfica co lavado de la de ovella no histórico lavadoiro de Fonte Escura foi a preparación da materia prima que se utiliza para confeccionar e dar forma ás máscaras e elementos da indumentaria dos merdeiros.

A elección do lavadoiro de Fonte Escura en Barreiro non foi casual. Este espazo público, que historicamente funcionou como punto de encontro e traballo comunitario, volveu cobrar vida para conectar o patrimonio material do barrio co patrimonio inmaterial que representan Os Merdeiros. Durante a actividade, os membros do colectivo recibiron a visita dos veciños da contorna  que están recuperando o entroido tradicional no barrio e a súa figura: “O Maruxo”.

Os merdeiros lembran que sempre fixeron esta tarefa no lavadoiro da barroca, sito dentro do Casco Vello. Por mor das obras no barrio do cura, este foi desprazado, pero co compromiso de tódalos actores involucrados en retornar ao barrio e plenamente funcional. Agardan ansiosos que así sexa.

Dende a asociación destacan a importancia de realizar estas tarefas fóra das datas propias: “O Entroido non son só os días de festa na rúa; hai un traballo de mantemento, artesanía e pedagoxía que dura todo o ano e que é vital para que a tradición siga medrando”. Con esta actividade, xa concluída, o colectivo encara os vindeiros meses de preparación do Entroido de 2026 con diversas actividades que irán publicitando nas súas redes sociais.