Os mellores plans para gozar da Semana Santa en Vigo

Xa chegou a Semana Santa e, con ela, dous días festivos e unha fin de semana ideais para sacarlle partido a todo o que nos ofrece Vigo a nivel cultural, gastronómico e natural. Aquí vos deixamos algunhas ideas variadas para desfrutar destes días. Se queres coñecer todos os eventos que hai estes días na cidade olívica entra na axenda de A Movida.

Este ano, a Semana Santa soará con forza no IFEVI, que ofrece unha ampla variedade de propostas para desfrutar da música. Despois da celebración do Lingua Urbana Fest o pasado venres, a programación continúa mañá, mércores 1, co ritmo electrónico de ‘Wake Up!’; continúa o venres 3 cos grandes éxitos do reguetón “antiguo” no ‘Modo Perreo Fest’ , tamén no mesmo recinto; e remata cunha dobre cita os días 4 e 5 de abril, co festival ‘One Dance’, no que soarán os mellores temas bailables da década dos noventa.

A música en directo sempre é unha boa opción e, por sorte, Vigo ofrece variedade e calidade de concertos. Hai unha semana arrancou o Birraseto Fest no Náutico, aínda que o ingrediente principal deste evento é a cervexa artesá, tamén hai programada música en directo tódolos días. Este ano o Concello adiantou a concesión das licencias aos chiringuitos de praia. Aqueles que prefiran desfrutar da boa música acompañada do mar e dun solpor, teñen concertos case a diario nos Chiringuito de Samil e Chiringuito da Fonte, que ofrecen boa música nun ambiente agradable.

Esta Semana Santa pode ser un un bo momento para ir comer ou cear a ese restaurante ao que levamos tempo querendo ir pero non damos atopado o día. Neste artigo recompilamos algúns dos establecementos máis apetecibles segundo o noso tipo de comida favorito: tradicional, carne, económico, vexetariano, mariscos e peixes, cociña internacional… Se preferimos facer unha escapadiña, podemos achegarnos a 4 Elementos ou Beldade en Tui ou a Villa Rolendis no Grove.

O pronóstico climatolóxico para estes días é solleiro, polo que é un bo momento para descubrir as rutas que temos nos arredores de Vigo. Hai uns anos preparamos unha completa guía de sendeirismo con trece rutas desde Saiáns a Zamáns, pasando por Beade, Matamá, Beade, Coruxo, Cabral, Oia ou Valadares.

Se o plan é unha opción máis tranquila durante a Semana Santa, os cines de Vigo ofrecen unha cartelera variada con algunhas das películas máis vistas do momento. Entre os títulos que están a destacar nas últimas semanas atópanse o último filme de Almodóvar, Amarga Navidad; Super Mario Galaxy: A película, todo un éxito entre o público familiar; Cumbres borrascosas, que atrae aos amantes do drama; e Torrente 6, unha das propostas máis comentadas e esperadas. Con sesións ao longo de todo o día nos principais cines da cidade, a gran pantalla convértese nun plan cómodo e atractivo para todos os gustos.

As vacacións escolares converten os plans para nenos e nenas nun dos grandes atractivos desta Semana Santa. No IFEVI, do 1 ao 5 de abril, poderanse desfrutar de megaestruturas inchables da man de Funtastik no Limits. Ademais, do 30 de marzo ao 5 de abril, toda a familia poderá gozar de espectáculos de maxia no Vigo Rúa Máxica, pensados para entreter e sorprender a pequenos e maiores por igual.