UVIGO
FILLOAS

Os grandes musicais, protagonistas neste outono no Mar de Vigo

Haberá seis musicais ata finais de ano, entre os que destacan as únicas datas en Galicia de Peter, El Musical e a superprodución de El médico, baseada no libro de Noah Gordon; o musical infantil Superthings e La Bella y la bestia. Tamén pasarán polo escenario do Mar de Vigo Les Luthiers, Fito y Fitipaldis, ballets, monólogos e bandas tributo.

O capitán Garfio durante a representación de Peter, El Musical | Cedida

A aposta do último trimestre do ano serán os grandes musicais, cun total de seis programados, pero tamén se sumarán ao programa unha variedade de espectáculos que van desde o ballet ás músicas de cine, pasando pola maxia, as bandas tributo ou os monólogos. Entre os grandes musicais que pasarán polo Auditorio Mar de Vigo están o agardadísimo Peter, El musical, o espectacular musical familiar sobre Peter Pan. Esta obra é unha superprodución coa última tecnoloxía teatral, efectos especiais, loitas, proxecións en 4K e ata voos sobre as butacas dalgúns dos 22 personaxes que estarán sobre o escenario. Peter terá cinco funcións en Vigo, do 2 ao 4 de decembro, e será a única maneira de ver esta gran produción en Galicia. En decembro, o día 11, tamén chegará La Bella y la Bestia, outro gran musical familiar, obra de La Barbarie Teatro Musical, que leva máis de 250 actuacións por toda España, e que suma un elenco de vinte actrices e actores en escena.

Antes, o 27 de novembro, pasará polo Auditorio outro esperadísimo musical que arrasa entre os pequenos entre 4 e 9 anos: Superthings, o primeiro gran show sobre este fenómeno inspirado nos éxitos da serie de Youtube. Estes músicais para todos os públicos súmanse a outros xa anunciados, como El Médico, a gran superprodución española inspirada no best seller de Noah Gordon, e que el mesmo asesorou na parte creativa. A obra terá cinco funcións no Auditorio Mar de Vigo, do 11 ao 13 de novembro. Antes, o 7 e 8 de outubro, regresará a Vigo a seguda parte do aclamado musical de drag queens, El Gran Hotel de las Reinas, que tanto éxito recolleu en Vigo o pasado ano. Os días 3 e 4 de xaneiro, tamén están previstas catro funcións do espectacular musical galego Inventio, que mestura danza, ilusionismo e circo cunha gran posta en escena marcada polas videoproxecións.

Fotografía dunha representación de El Médico | Cedida

Os músicais serán a gran aposta da programación de outono no Mar de Vigo, na que tamén estarán un grupo histórico que ten feito rir a millóns de persoas: Les Luthiers, que actuarán en tres funcións o 21, 22 e 23 de outubro co seu elenco 2019, estrearán o seu espectáculo ‘Gran Reserva’, unha antoloxía que reúne algúns dos grandes éxitos dos seus 55 anos de historia.

Ademais, o ballet e as músicas de cine terán tamén gran protagonismo nesta programación do último trimestre do ano. O prestixioso Ballet Clásico de Ucraína estará no Mar de Vigo en tres datas diferentes. O 27 de outubro e o 13 de xaneiro poñerán en escena El Lago de los cisnes, e o 18 de decembro co gran clásico por excelencia do Nadal, como é El Cascanueces. Ambas son obras que destacan pola vistosidade dos vestuarios e o virtuosismo dos seus bailaríns. A programación tamén incorporará este ano, o 28 de decembro, un dos espectáculos de danza máis aclamados do mundo: Spirit of the dance. Máis de trinta millóns de persoas viron nalgún lugar do mundo este espectáculo, que parte das danzas irlandesas mesturándose con ritmos latinos, nunha frenética posta en escena. 

A programación complétase coas músicas de cine de John Williams e Hans Zimmer, o 5 de novembro e o 26 de decembro, e as fermosísimas bandas sonoras dos filmes de Walt Disney, que interpretará a Hollywood Symphony Orchestra nas datas de Nadal, o 30 de decembro; e con Krypton, o novo espectáculo da Film Symphony Orchestra co mestre Constantino Martínez-Orts,  que estará o 28 de xaneiro

En xaneiro, tamén terá lugar o Gran Concerto de Aninovo de Johan Strauss, coa Strauss Festival Orchestra e o Strauss Festival Ballet Ensemble, programado para o 6 de xaneiroDía de Reis, así como Carmina Burana e a 9ª Sinfonía de Beethoven, con Gran Orquesta Sinfónica e Coro, que actuará o 22 de xaneiro.

CAMELIAS NADAL

Completan a programación a Gala Internacional da Maxia, que se celebra o 9 de outubro, o monólogo de Dani Martínez, o 17 de decembro ou a Queen Tribute Band, tributo a esta lendaria banda, que terá lugar o 29 de decembro. O gran concerto da tempada será Fito y los Fitipaldis, quen esgotou todas as entradas aos poucos minutos de saír á venda. As entradas para todos os espectáculos están dispoñibles na plataforma Teuticket.