Os chiringuitos de Vigo adiantan o inicio da temporada e abren en Semana Santa

Os quioscos das praias de Vigo adiantan este ano o inicio da súa actividade coa chegada da primavera. A nova regulación municipal permite a súa apertura desde finais de marzo, polo que estarán operativos durante a Semana Santa.

Coa chegada da primavera, Vigo dá o pistoletazo de saída á tempada de chiringuitos nas súas praias. Este ano o inicio adiántase respecto a outras temporadas, o que permitirá gozar das terrazas á beira do mar tamén durante a Semana Santa. Arredor dunha ducia de chiringuitos están xa operativos nos areais vigueses, ofrecendo bebidas, ambiente relaxado e vistas privilexiadas.

Unha nova regulación do Concello, anunciada o 12 de marzo, pertmite a apertura dos dez chiringuitos nos areais da cidade a partir do venres 27 de marzo. A autorización municipal permitirá que os establecementos permanezan abertos de forma ininterrompida ata o 31 de outubro, ampliando así o período de actividade para cubrir a primavera, o verán e o inicio do outono. A autorización afecta a dez quioscos de praia: un en Alcabre, dous na praia da Fonte, cinco na praia de Samil, dous no Vao e un na ETEA. Algúns destes locais apostan por programación musical en directo. É o caso do Chiringuito de la Fuente, que terá actuación o xoves, venres e sábado a partir das 18:00 h; e Samil, con concertos de mércores a domingo ás 19:00 h.

Ademais dos dez quiscos autorizados, os areais vigueses (e arredores) contan con coñecidos bares de praia que tamén comezaron a temporada. Malabar Pénjamo, na praia de Patos, está xa aberto e celebra concertos todas as fins de semana de abril. Tamén está funcionando o bar da  praia do Fortiñón, en Saiáns, no que se ofrecen comidas. Na praia dos Olmos, O Pirata despediu a súa andadura en 2025 e no seu lugar abre un novo local da cadea viguesa Maui. Polo momento non se lle coñece cartel musical, pero si sabemos que contará con tres foodtrucks: de bocadillos coreanos, de poké e de hamburguesas.