Ortigha: Tecido de emocións
Ortigha é o proxecto téxtil de Lorena Martínez, nacido en 2019 na Costa da Morte como un laboratorio creativo de bordado e experimentación. O seu traballo combina emoción, cultura galega e técnicas mixtas para crear pezas como fotos bordadas e obras textís.

Ortigha é o universo téxtil de Lorena Martínez, un espazo de creación no que as emocións, a música e a cultura galega atravesan todo o seu proceso creativo. Ortigha naceu en 2019 nunha aldea da Costa da Morte como un proxecto de experimentación téxtil e, co tempo, foi evolucionando ata converterse nun laboratorio onde ideas, emocións e historias persoais se ían transformando en pezas únicas. Os encargos personalizados marcaron o camiño e, a través deles, Lorena foi aprendendo a escoitar, a interpretar e a transformar ideas, pero tamén foi afinando a súa propia linguaxe.
Así descubriu que o téxtil era o seu lugar: unha maneira de expresar e de dar forma ao seu imaxinario persoal. O seu proxecto nace desa mirada atenta e sensible, desa necesidade constante de observar o que nos atravesa por dentro, mesmo cando non sabemos poñerlle nome. A través do bordado e do traballo manual, foi atopando un modo de acougar a ansiedade e de reconstruírse pouco a pouco, convertendo o proceso creativo nun espazo de calma e de escoita. Deste xeito, o seu traballo desprázase cara a un territorio máis contemporáneo, deixando atrás a visión do téxtil ligada ao doméstico para reivindicalo como unha forma de expresión ou como unha linguaxe narrativa.
Hoxe, Ortigha céntrase na creación de ilustracións bordadas e obras téxtiles únicas nas que se combina bordado, pintura sobre tea e técnicas mixtas, cunha linguaxe cada vez máis próxima á ilustración. O seu interese está en seguir desenvolvendo proxectos culturais e pezas con identidade propia nas que o téxtil funcione como linguaxe visual, e pretende abrir camiño a propostas do ámbito cultural como carteis, portadas de libros ou discos e outras obras gráficas para proxectos creativos que busquen unha imaxe con carácter, afastada do habitual e construída desde unha mirada artística e persoal.
Podes seguir a Ortigha en Instagram e en Pinterest se queres botar unha ollada ás súas propostas, e na súa tenda en liña poderás atopar láminas, pezas orixinais e creacións téxtiles únicas, a maioría en edición limitada. Non quedes sen elas!
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Ortigha: Tecido de emocións - 29 Maio, 2026
- Dos Nudos: Catro mans, dous nós - 16 Abril, 2026
- A forza do delicado: as xoias de vidro de Toda Frágil - 11 Marzo, 2026
- Xoias para un ‘look’ total - 6 Febreiro, 2026
- Dez ideas de regalo local para este Nadal - 10 Decembro, 2025



