Orgullo Crítico espalla a súa programación por toda a cidade con máis de quince actividades
A celebración do Orgullo Crítico 2026 será singular pola cancelación da festa multitudinaria, pero mantén preto dunha vintena de actvidades gratuítas e reivindicativas. Obradoiros, cinema, memoria histórica, roteiros, pedaladas e xornadas lúdicas espállanse ao longo de todo o mes.

A gran novidade da celebración do Orgullo LGTBIQ+ en Vigo deste ano é o anuncio da asociación Nós Mesmas de non celebrar a tradicional Festa DiversXs ao remate da manifestación do 27 de xuño, unha cita multitudinaria que formaba parte da programación habitual dos últimos dezanove anos. Segundo explicou a entidade, a decisión responde á falta de apoio institucional, as esixencias administrativas do Concello e a falta de recursos económicos para facer fronte ás mesmas.
A ausencia da festa final non supón a cancelación das desmais actividades vinculadas ao Orgullo na cidade. Baixo o lema Orgullo Crítico Vigo LGTBIQ+, Nós Mesmas une forzas con diferentes colectivos como Avante LGBT+, centros sociais e locais comunitarios de Vigo. A reorganización da programación traslada parte do protagonismo desde un único acto multitudinario cara a unha rede de espazos e iniciativas distribuídas pola cidade. A edición deste ano pon o foco na colaboración entre colectivos e nunha programación repartida ao longo de varias semanas. “Non concentramos a enerxía nunha soa noite; espallámola en máis de 15 citas ao longo de todo o mes”.

PROGRAMA:
Venres 5 ás 19:00 h no C.S. A Desviada – Arranca coa calor da tribo cunha Xornada de Xogos de Mesa.
Sábado 6 ás 19:30 h no C.S. A Nubeira – Cultura e solidariedade internacional con Cinema Queer por Palestina e Palestra.
Domingo 7 ás 19:00 h no C.S. A Desviada – Memoria histórica indispensable co obradoiro Destapando o Fraquismo: Obradoiro de Memoria Cuir.
Venres 12 ás 20:00 h no C.S. A Desviadaa – Un clásico da nostalxia e as risas: Festa de Diapositivas.
Sábado 13 ás 18:00 h no C.S. A Desviada – Unha xornada dobre para o recordo coa actuación de Pablo Carreiro.
Sábado 13 ás 21:00 h no C.S. A Desviada – Soltamos as melenas na nosa Festa Hortera.
Domingo 14 ás 13:00 h no Monte Vixiador – Tempo para respirar e medrar en comunidade no Día en Familia.
Luns 15 ás 18:30 h na Biblioteca Neira Vilas – Achegando realidades aos máis pequenos cun Contacontos Musical.
Xoves 18 ás 19:30 h en Nós Mesmas – Espazo de saúde e reflexión política co Coloquio sobre Saúde NB en Procesos de Transición Médica.
Venres 19 ás 19:30 h en A Morada – A arte como espello nas Historias de Orgullo co Teatro Playback Galicia.
Sábado 20 ás 21:00 h no C.S. A Desviada – Intriga, risas e racións na Cea con Asasinato.
Domingo 21 ás 11:30 h no Paseo de Alfonso – Reivindicamos o espazo público sobre rodas coa Pedalada.
Domingo 21 ás 12:00 h no Local Nós Mesmas – Continuamos coa celebración no Vermú comunitario.
Martes 23 ás 20:00 h en Alcabre – Celebramos o lume máis vivo e protector en San Xoan Xuntes.
Martes 23 a domingo 28 no C.C. Camelias – Visitamos a exposición Corpos e rastros B.
Mércores 24 ás 18:00 h no Casco Vello – Paseamos polo noso pasado no Roteiro pola Memoria.
Xoves 25 ás 18:00 h no C.S. A Desviada – Preparando o material de combate no Obradoiro de Pancartas.
Sábado 27 ás 16:00 h na Praza Fernando Católico – Poñémonos guapas e combativas no espazo de Maquillaxe Premani.
Sábado 27 ás 20:00 h na Praza Fernando Católico – O momento cumio: MANIFESTACIÓN DO ORGULLO. Ocupamos as rúas con forza, ledicia e rabia organizada.



