Onde ver as Perseidas en Vigo?

As perseidas, tamén coñecidas como bágoas de San Lourenzo por ser o 10 de agosto esta festividade relixiosa, é unha prolífica chuvia de estrelas que ten o seu punto álxido entre o 11 e o 13 de agosto. Realmente, o que vemos son os restos volatilizados do cometa Swift-Tuttle, que está na órbita arredor do sol. Malia a contaminación lumínca, é posible visualizalas afastándose un pouco do núcleo urbano.

Estes días será posible visualizar as perseidas nalgunhas das zonas elevadas que circundan Vigo, como o monte Alba, o Piricoto do Vilar, o Galiñeiro, o Galleiro, o Castro de Chandebrito ou o Vixiador. Preto deste último está Vigo Nature (antigo VigoZoo), que organiza o martes 12 ás 22:30, o momento considerado como máis propenso para ver este fenómeno, unha actividade de observación de estrelas. O prezo é de 6 € por participante e tamén inclúe un chocolate quente. Hai un aforo máximo de 75 participantes. Máis información no 986 26 77 83. No centro da cidade, no alto do Castro, se as condicións son as adecuadas tamén é posible divisar as famosas bágoas.

Como é habitual nestas datas, as navieiras ofrecen os seus servizos para afastarse un chisco da contaminación lumínica da cidade e poder observar con maior claridade o ceo. A Naviera Nabia oferta este servizo, xunto cos comentarios dun astrónomo, os días 13, 14, 15, 16 e 17 de agosto con saídas desde Vigo (22:15) e Cangas (21:30). O punto de observación serán as augas das illas Cíes ou na ensenada de San Simón, onde as condicións sexan mellores. O prezo é de 30 € para adultos, 15 € para nenos entre 4 e 12 anos e gratis para os menores desa idade.

Mar de Ons tamén conta cun servizo especial para esta fin de semana. A navieira organiza experiencias Starlight os días 11, 12 e 13 de agosto desde os portos de Vigo (23:00) e Cangas (22:30). O lugar de observación serán os arredores das illas Cíes e o prezo é de 26,50 € para adultos, 12 € para nenos entre 3 e 12 anos e gratis para os menores desa idade.

Fotomontaxe | P. Vázquez