Arte nos muros: once novos murais de Vigo Cidade de Cor

Durante máis dunha década, a iniciativa Vigo Cidade de Cor transforma as medianeiras e pavimentos grises da cidade en grandes cadros de artistas galegos e internacionais, expertos en muralismo e graffiti. Nesta edición, son once os novos murais que decoran muros, pistas deportivas e mesmo paseos peonís, sumando un total de 128 ata o día de hoxe.

Dante Arcade nas pistas de baloncesto de Samil

Dante Arcade trae un estilo vibrante, onde mestura a arte urbana coa cultura visual propia do videoxogo e o pop. Agora, a arte e o deporte conviven nas pistas de baloncesto de Samil.

Ramón Amorós na Asociación de veciños de Cabral

Ramón Amorós, artista gañador da edición de 2025 da Batalla Mural, enche de vida o muro da Asociación de veciños de Cabral. Arte e veciñanza únense nunha proposta con mensaxe, cor e talento.

María Ortega no núm. 184 de Sanjurjo Badía

A artista María Ortega, que destaca pola súa capacidade para traballar o muralismo desde o detalle e o simbolismo, aposta por unha obra que invita á reflexión e á emoción. Baixo o título El presente desde el que miramos, achega sensibilidade ao entorno urbano, convidando a mirar máis alá.

Playincolors nas pistas de baloncesto e gradas da Salgueira

Playincolors converte outro espazo deportivo nun lugar para a creatividade compartida. A súa obra, situada nas pistas e gradas da Salgueira, mestura cor, comunidade e xogo, transformando o movemento en arte.

Vanesa Álvarez no paseo peatonal de Coia

A artista viguesa Vanesa Álvarez achega unha proposta delicada e poética á Avenida de Castelao. A súa obra aposta pola beleza da cor como ferramenta para transformar espazos cotiáns en lugares con alma. Trátase dun mural pensado para o gozo colectivo.

Alegría del Prado no núm. 116 da rúa Rola

O colectivo Alegría del Prado amosa unha nova visión do muralismo ecolóxico e poético. Arte, comunidade, natureza e xogo danse a man na rúa Rola, debuxando un mundo onde a imaxinación e o verde se funden coa paisaxe urbana.

Sfhir no núm. 62 de Montecelo Alto

Sfhir é sinónimo de imaxinación, técnica e sorpresa e así o demostra a súa intervención chea de forza, habilidade e mensaxe social, no número 62 da rúa Montecelo Alto. Un mural que fai mirar dúas veces, reflexionar e sentir a forza da arte urbana.

Carola Bagnato no núm. 2 de Rosario Hernández Diéguez

A proposta da artista arxentina Carola Bagnato está chea de forza visual e mensaxe. A súa pintura mestura abstracción e formas xeométricas cun enfoque persoal e poético. A rúa Rosario Hernández Diéguez acolle unha obra que destaca pola súa personalidade, transformando o espazo cunha estética limpa e contemporánea.

Dimitris Trimintzios no núm. 138 da Travesía de Vigo

O grego Dimitris Trimintzios, tamén coñecido como TAXI, caracterízase polo seu estilo potente, con fortes contrastes e carácter urbano. O seu mural é unha obra para observar con ollos curiosos, expresándose a través da linguaxe visual e a estética urbana contemporánea.

Dafne Tree no núm. 71 de Santa Tegra

Dafne Tree desenvolve unha proposta onde o artístico, o emocional e o natural se mesturan en harmonía. A súa intervención é un berro visual a favor da beleza compartida e da conexión coa contorna, un agasallo para a vista e para o espírito.

Expostas no núm. 12 da Rúa Palencia

Expostas é un colectivo que reivindica o papel das mulleres no espazo público, a través do muralismo contemporáneo. Cada ano, participa na iniciativa Vigo cidade de cor. Nesta ocasión, propón unha obra colectiva na que transforma, visibiliza e conmociona.