Once libros vigueses para ler este verán
Chegamos case ao ecuador de agosto pero semella que aínda quedan unhas cantas semanas de sol e bo tempo por diante. Recompilamos once obras de autoría viguesa publicadas nos últimos meses, onde atopamos novelas, memorias, ensaios, prosas breves ou crónicas de viaxe.

Mar blanco de Brais Suárez | Galaxia
Primeiro libro do xornalista vigués, que emigrou de Galicia aos 22 anos para vivir, viaxar e aprender en distintos países, especialmente de Europa Oriental e Rusia, onde recolle algunhas desas experiencias e aprendizaxes que aparecen nas páxinas de Mar branco.
4 Oubiña de Iago Solleiro | Elvira
Despois do libro escrito sobre Luis Suárez, Fútbol de seda, e o de Irene González, Irene, a porteira, esta é quizais a única obra literaria sobre un futbolista galego e, neste caso, vigués. Coa axuda do xornalista local Iago Solleiro, o histórico xogador do Celta cóntanos en primeira persoa toda a súa traxectoria futbolística e vital, facendo un gran fincapé no apartado relacionado coas lesións que tanto marcaron a súa carreira.
Todo es verdad porque nadie mira de Estela Gómez | Plasson & Bartleboom
Debut literario da colaboiradora d’A Movida Estela Gómez, unha novela sobre a potencia dos recordos de infancia e sobre a laxa dunha educación sentimental baseada na culpa e os silencios. A obra de Estela destaca pola súa prosa coidada e a complexidade dos personaxes, especialmente da protagonista Julia.
Las cosas que nos pasan de Guada Guerra | Plaza y Janés
A xornalista viguesa retrata, na súa primeira novela, a un grupo de amigas na trintena que viven nunha negociación constante coas súas vidas. O libro aborda con tenrura e franqueza a frustración millennial: a precariedade, a parella, a familia, a maternidade, o corpo ou a saúde emocional.
Han de caer del todo de Julián Hernández | Trama
A nova obra do fundador de Siniestro Total contén unha forte carga histórica repleta de elementos de sátira e surrealismo. A novela segue ao seu personaxe principal marcado pola ironía e o desencanto, nunha historia que se desenvolve entre a Europa da posguerra e a España franquista de 1975.
Vantaxes e inconvenientes de case todo de Xosé Cermeño | Galaxia
O novo traballo do guionista e escritor Xosé Cermeño é é un libro de prosas breves escrito para persoas escépticas e perplexas. Vantaxes e inconvenientes de case todo fala, con humor e estilo persoal, de libros, de cidades, de cociñas, de xentes ilustres, de persoas anónimas, de paisaxes e de barcos, entre outras moitas cousas. Preme aquí para ler a entrevista que lle fixemos ao autor.
Memorias de Cara B de Fernando A. Fernández Domonte | Elvira
Nestas Memorias de Cara B reúnense vinte e cinco relatos, todos baseados en feitos reais, contados en primeira persoa por quen os viviu, ben como protagonista, actor secundario ou mera testemuña. Non se narran neles sucesos transcendentes, senón vivencias curiosas —cotiás ou sobrevidas— que lle poderían pasar a calquera.
La gran fractura americana de Cristina Olea | La Esfera de los Libros
A xornalista viguesa, corresponsal en Washington desde 2018, ofrece, para o lector en español, unha análise única e profunda do que está a pasar nos Estados Unidos. Olea escribiu algunhas das mellores crónicas para descifrar unha nación de contradicións centenarias.
Vigo na liña do tempo de Manuel Bragado | Instituto de Estudios Vigueses
Este libro ofrece unha primeira achega a unha cronoloxía histórica de Vigo, dende os vestixios dos seus primeiros habitantes e pasado prehistórico até a cidade contemporánea actual. Máis de milleiro e medio de acontecementos documentados na xeografía, arqueoloxía e na historia viguesas -tanto política, económica, social, con atención preferente á da cultura- veñen acompañados dunha extensa bibliografía. Preme aquí para ler o artigo no que Manuel Bragado nos contas os quince momentos máis relevantes da historia viguesa.
Escultura pública de Vigo de Mercedes Bangueses | Instituto de Estudios Vigueses
Este libro ten como primeiro obxectivo catalogar a escultura pública do concello de Vigo, establecendo así unha base sólida para o seu posterior estudo e análise; en segundo lugar, subliña a importancia da contextualización para comprender as diversas motivacións e intencións que impulsaron a creación destas obras ao longo do tempo.
San Meteoro de Josiño Araújo | Xerais
Segunda novela de avogado e distribuidor cinematográfico vigués. Unha historia orixinal, de ritmo cinematográfico e chea de humor. Unha sátira de profunda lixeireza cun final trepidante.

