Once anos de resistencia: a Sala Ártika anuncia a súa nova tempada teatral
A Sala Ártika, un das dous espazos teatrais privados da cidade, anunciou este xoves pola mañá o primeiro cuadrimestre de programación entre os meses de setembro e decembro de 2025. A sala situada en Beiramar acollerá dúas estreas mundiais e once estreas galegas entre a trintena de obras propostas. As entradas xa están á venda na web.

Representantes das catro institucións públicas (Concello, Deputación, Xunta e Goberno de España) fixeron acto de presenza este xoves na Sala Ártika, situada en Beiramar, no corazón do Vigo industrial. Alí presentaban o inicio da nova tempada, que arrancará no mes de setembro tras o parón estival. Ao longo de catro meses, ata o remate do ano, pola Ártika pasarán preto dunha trintena de compañías que realizarán arredor de cincuenta representacións. Estas propostas van abranguen todo o espectro das artes escénicas: danza, teatro infantil, monicreques, improvisación, música, teatro documento, comedia, drama…
A sala está a celebrar o seu décimo aniversario, e nuns poucos meses soprará as once candeas. A pesar das dificultades pasadas e presentes, están a vivir un bo momento, admite Marcos Alonso, un dos fundadores deste espazo xunto con Fernanda Barrio. A pasada tempada, que vén de rematar hai pouco tras 150 funcións, atraeu a 10.000 espectadores, moitos deles nenos e nenas de colexios para os que ofrecen a programación escolar máis importante de Galicia. Nesa liña de crear canteira desde ben novos, este ano repartirán folletos entre os máis pequenos para que, cando acumulen cinco selos, reciban a cambio cinco entradas gratis para o teatro. Ademais do labor á hora de programar e crear obras (Ártika tamén é unha compañía teatral), este amplo espazo acolle unha escola de tratro na que actualmente participan 150 alumnos de distintas idades.
Programación setembro – decembro 2025
Difícil resumir en poucas liñas unha programación tan ampla. As dúas estreas mundiais desta tempada son Familia Nijinska de Vacaburra (11-12/10) e O libro da selva, o musical de Ártika Cía (25-26/10). Tamén estrean un novo ciclo promovido polo músico Rubén Fernández chamado Camártika, no que o segundo venres do mes estará reservado para a música clásica e jazz. Non faltará o popular XI Festival Pequeártiko a finais de decembro, cita de referencia do teatro infantil a nivel galego,e tampouco a despedida de A Panadaría, que traen unha última vez á Ártika a súa exitosa obra As que limpan (17-19/10). Ademais de compañías galegas actuarán outras de Cataluña, Comunidade Valenciana, Illas Baleares ou País Vasco. As entradas xa están á venda na web.



