O violinista escocés Alasdair Fraser encabeza o Encordass Fiddle Fest

Encordass Fiddle Fest, festival internacional de violín tradicional, celébrase na Illa de San Simón do 2 ao 5 de xullo e contará coa presenza de Alasdair Fraser, adaíl da música celta que participou na banda sonora de Titanic.

Encordass Fiddle Fest 2025

O festival internacional Encordass Fiddle Fest, especializado en violín e instrumentos de corda tradicionais, celebra unha nova edición do 2 ao 5 de xullo na Illa de San Simón. Cada ano o festival céntrase na música popular dun país ou rexión e en 2026 xirará arredor da tradición escocesa, que marcará tanto a programación artística como as actividades formativas. 

A historia recente do violín folk galego non se pode entender sen Escocia. Nos anos 80, co rexurdimento do folk en Galicia, os violinistas que se achegaban á música tradicional atoparon nas tradicións escocesa e irlandesa un referente fundamental. Neste contexto, a edición dedicada a Escocia e a música celta reforza os vínculos musicais atlánticos e pon en valor estas conexións históricas.

FAITE AMOVIDALOVER

A edición 2026 estará marcada pola presenza de Alasdair Fraser, destacado violinista folk e figura clave na difusión da tradición escocesa por todo o mundo. Cunha traxectoria de máis de 30 anos, foi gañador en dúas ocasións do Scottish National Fiddle Championship e participou en bandas sonoras tan coñecidas como a de Titanic. A radio escocesa BBC considerouno “un dos gardiáns máis valiosos das tradicións de Escocia”, e ten colaborado con artistas da altura de The Chieftains ou The Waterboys. En Encordass actuará xunto aos seus fillos Galen e Cameron Fraser, e iniciará unha nova etapa musical, tras finalizar despois de 26 anos o seu dúo coa cellista Natalie Hass. 

A súa presenza supón un fito dentro da historia do festival, pois foi o propio Fraser inspirou a creación do San Simón Fiddle Camp, un curso de violín para a mocidade, que acabaría dando lugar a Encordass. Esta aposta demostra o compromiso da asociación Galicia Fiddle, impulsora do evento, por achegar á illa de San Simón a algúns dos violinistas tradicionais máis relevantes do panorama internacional. O cartel completo e a apertura da venda de entradas farase público proximamente.

Encordass está organizado por Galicia Fiddle, unha asociación sen ánimo de lucro creada en 2010 arredor da aula de violín da Escola Municipal de Música Tradicional e Folk de Vigo (ETRAD), co obxectivo de promover o uso dos instrumentos de corda en estilos como a música tradicional, o folk, o rock, etc. Entre as súas principais actividades figuran a organización de cursos con mestres internacionais e a creación de espazos de encontro para intérpretes de diferentes idades. O seu proxecto máis consolidado é San Simón Fiddle, un curso de verán para nenos e adolescentes que este ano celebra o seu 15 aniversario.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.