O Vigo de Miguel Costas
Miguel Costas foi un dos fundadores de Siniestro Total, guitarrista, cantante e un dos principais compositores ata a súa saída en 1994. Hai un mes publicou, coa axuda de Renato Landeira, un libro de memorias que leva por título a súa icónica frase ¡Esas palmas, coño!, no que repasa a súa traxectoria vital, desde as orixes no Calvario ata a súa carreira musical en solitario. Falamos con el para coñecermos mellor algúns dos lugares de Vigo que marcaron a súa vida.

Rúa do Cristo, 13 (O Calvario)
«Eu nacín no número 13 da rúa do Cristo. O nome do Calvario vénlle moi ben, porque hai que subir toda esa costa desde abaixo. Como curiosidade, hoxe en día a casa onde nacín converteuse nunha clínica veterinaria.»
Instituto do Calvario
«Alí foi onde coñecín a Javier Soto, guitarrista de Siniestro Total. Lembro que o instituto estaba rodeado de terra, non había plantas nin nada, era todo moi básico, ata que despois o derrubaron para facer un novo. Como non tiñamos cartos para discos, iamos á casa de Javier para escoitar a colección do seu irmán máis vello. Alí comezou a nosa afección: mercamos un amplificador pequeno no que metiamos as guitarras e as voces ata que o queimabamos; faciamos máis ruído que música porque aínda non sabiamos tocar. Grazas ao irmán de Javier coñecemos a Julián Hernández e a Alberto Torrado, que eran amigos seus e xa sabían algo de música por estar no conservatorio.»
Rúa do Talude
«Na rúa do Talude alugamos un local. Ao principio non sabiamos tocar nada, pero botabamos alí mañá e tarde ensaiando moitísimo; iamos alí ata para comer. Como todos eramos guitarristas, tivemos que repartir o traballo: Alberto colleu o baixo e Julián a batería, que lla prestara Antón Reixa. Eu acabei sendo o cantante cando marchou Germán Coppini polo simple feito de que era o guitarrista e estaba diante.»
Satchmo (actual Vagalume) – Rúa de Joaquín Loriga, 35
«O Satchmo era un sitio mítico onde só programaban jazz. Nun Entroido convencín o dono, Ricardo Lobato, para que nos deixase tocar e cambiase o estilo por unha noite. Tivo tanto éxito que o local acabou esquecendo o jazz para programar rock e pop, e ata fixeron obras para poñer un escenario máis decente. Cada noite tocabamos cun nome e unha formación distinta: Mari Cruz Soriano y los que Afinan su Piano, Los Minusválidos del Ritmo, Los Ratones…»
Teatro Salesianos – Rúa de Venezuela, 3
«Foi o escenario do primeiro concerto de Siniestro Total en Vigo. Aínda que hoxe se vexa como algo mítico, a realidade é que aquel día apenas había xente: estabamos os dos grupos, algúns amigos e catro despistados. Tocamos só seis ou sete cancións porque non tiñamos máis. Gustaríame moito que o que foi o último concerto da banda fose tamén en Vigo, por ser o lugar onde naceu o grupo, pero non foi posible.»

Estadio de Balaídos
«Tocamos alí abrindo o concerto de Madonna. Aínda que din que foi un concerto multitudinario, Balaídos é tan grande que nas fotos parece que non se encheu nin a metade. O máis surrealista daquel día foi o camerino: como o equipo de Madonna ocupou todo o espazo, a nós instaláronnos nos propios servizos do estadio.»
Avenida de Beiramar
«Nesta avenida foi onde levamos o gran trompazo co coche que deu nome á banda. Julián acababa de sacar o carné e, despois de saír de festa, iamos tomar a última copa a El Balneario, en Samil. No camiño, acabamos estampados contra unha obra que estaba no medio da estrada.»
Auditorio de Castrelos
«Gardo uns recordos incribles de Castrelos, especialmente dun concerto cos Resentidos no que batemos o récord de asistencia. Saímos ao escenario con cascos militares que atoparamos no lixo e que pintamos coa bandeira de Vigo. Mentres Julián marcaba o ritmo na batería, empezamos a mencionar as liñas de autobús —a 1 de Cabral a Bouzas, a 2, a 3…— e a xente emocionouse moito porque se sentía representada polas súas rutas de sempre. Hai pouco asineille o meu libro a Abel Caballero e escribinlle que me levase de novo a Castrelos para recordar todos eses temas míticos.»
Miguel Costas continúa na estrada. Podemos velo actuando en Outes o 4 de xullo e en Sada o 8 de agosto, dentro do programa Escena ao Vivo da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Programación completa en: redecultural.gal

Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Os concertos de Castrelos teñen un custo de arredor de tres millóns e medio de euros - 30 Xuño, 2026
- Do bar ao mundial: a evolución imparable do fútbol gaélico en Galicia - 29 Xuño, 2026
- O Vigo de Miguel Costas - 29 Xuño, 2026
- A Asociación As da Industria despídese da organización de eventos por mor das “trabas burocráticas do Concello de Vigo” - 29 Xuño, 2026
- O labirinto administrativo de Vigo: por que é tan difícil organizar un evento cultural no espazo público - 4 Xuño, 2026




