O verán galego vibra co jazz e o blues: sete citas obrigatorias
Este verán, a música de raíz afroamericana terá unha presenza destacada en Galicia. Música en directo, obradoiros e distintas propostas destinadas aos afeccionados do jazz e do blues espállanse pola nosa xeografía. Cangas, Nigrán e Ponteareas son algúns dos puntos clave neste mapa. A modo de guía e síntese da oferta estival, destacamos os festivais máis importantes situados preto de Vigo.

- XIX NIGRANJAZZ: Do 17 ao 19 de xullo
O Concello de Nigrán celebra unha nova entrega do seu festival máis lonxevo coa décima novena edición do Nigranjazz no esteiro da Foz. Catro concertos, tres Jam sessions e unha masterclass compoñen o cartel do evento.
O xoves 17 o Malabar Pénjamo inaugura a festa cunha Jam Session de Álvaro Orcajo Quartet.
O primeiro concerto chega o venres 18 no Auditorio da Foz do Miñor, da man de Manuel Cebrián, o director da Escola de Música Municipal de Nigrán. De seguido, o flamenco-jazz toma o auditorio co cuarteto da flautista madrileña Carmen Vela. Para pechar esta segunda xornada, Iago Marta Quarteto ofrece unha Jam Session.
O sábado 19, o último día do festival o encabeza o pianista estadounidense Aaron Parks, a gran aposta internacional deste ano. Un dos grandes referentes contemporáneos do jazz imparte unha masterclass no Auditorio do Concello para abrir a programación deste día. Pola noite, actúa o vibrafonista catalán Marcel Pascual en quinteto, precedendo ao concerto de Parks. Ao remate de ditos concertos, Rosolino Marinello Quintet ofrece a Jam Session de clausura, finalizando así esta histórica edición.
Para ampliar información podes consultar o noso artigo.
- FESTIVAL BLUES A GUARDA: 19 de xullo
A Praza do Reló de A Guarda festexa o sábado 19 unha xornada adicada aos amantes do blues con distintas actuacións. Na sesión matinal, celebrada a partir das 12:30 h, actúan Jay Doe e Claudio Gabis Blue Band. A partir das 20:30 h, na sesión de tarde-noite, preséntase A historia do blues, da man de Adrián Costa; Phantomatic DJ; a actuación de Adrián Costa Blues Band; actuación de Martha High e Julián Maeso Organ Sextet.
- THE JAZZ STREET EN PONTEAREAS: 2 de agosto
O primeiro sábado de agosto, as rúas de Ponteareas convértense nas de Nova Orleáns dos anos 20. O novo festival The Jazz Street enche a vila con desfiles, obradoiros e distintas actividades. Apóstase polo novo talento galego, ofrecendo a oportunidade de compartir espazo con grandes figuras do xénero. Co centro na Praza Maior, aínda que tamén celebrado noutros espazos, o evento combina divulgación, música en directo, formación e animación nas rúas para achegar o jazz a novos públicos.
Algunhas das actuacións programadas son as de Inés Carreño Cuarteto, Marcos Pin Trío e St. James Dixie Band. O público poderá tamén gozar dunha Jam Session e unha clase de iniciación ao swing. A organización comprométese coa diversión para todas as idades, con actividades infantís para achegar aos máis cativos a esta música. A aspiración do festival e converterse nun referente do jazz galego e consolidarse con novas entregas.
- XXXI FESTIVAL INTERNACIONAL DE JAZZ E BLUES DE PONTEVEDRA: Do 4 ao 8 de agosto.
Pontevedra acolle a trixésima primeira edición do Festival Internacional de Jazz e Blues, un punto clave no mapa da afección a este tipo de música. Ofrécese un cartel con nomes destacados a nivel global con diferentes estilos e propostas, que comparten escenario coas novas promesas da escena galega.
O espazo escollido para emplazar o evento é a Praza da Ferraría, no corazón do centro histórico de Pontevedra. Artistas consolidados e emerxentes; galegos e internacionais, actuarán a partir das 22:30 h na seguinte orde:
4 de agosto: John Németh; 5 de agosto: Litet Steg; 6 de agosto: Allo Negro; 7 de agosto: Verónica Swift; 8 de agosto: Robben Ford
A entrada é de balde
- II FESTIVAL INTERNACIONAL DE BLUES NIGRÁN BLUES: 16 de agosto
O 16 de agosto a partir das 19:00 h, o Bar El Playa de Playa América festexa a segunda entrega deste importante evento para a comunidade do blues. Os artistas participantes serán confirmados nas próximas datas.
- XVIII CANJAZZ : Do 20 ao 23 de agosto.
O festival celebrado no municipio de Cangas celebra este ano unha nova edición con catro noites de concertos, jam sessions e unha masterclass. Un programa marcado pola calidade e variedade das súas propostas. Conta coa participación de artistas procedentes de Corea, Arxentina, Holanda ou Senegal. Este evento consolídase como unha cita destacada dentro do calendario cultural da comunidade jazzística, sendo punto de encontro para gozar da música de calidade en directo. Os detalles da programación desvelaranse nas próximas semanas.
- BLUES AND RIAS SUMMER NO CHIRINGO BRISA: Varias datas entre xuño e setembro
A Praia de Cesantes, en Redonela, acolle por segundo ano consecutivo o ciclo musical composto por seis concertos de blues, soul, funk e rockabilly. Trátase dun escaparate para o talento local, apostando polas bandas de Vigo e os seus arredores, sen deixar de lado figuras consagradas no panorama nacional. A programación destaca pola variedade estilística, sempre dentro do concepto da música afroamericana.
A programación é a seguinte
– 26 de xuño: concerto de Red Duck Blues Jam!, sexteto habitual das Jam Sessions de A Casa de Arriba.
–10 de xullo: Actuación da banda viguesa Claudio Gabis Blues Band.
–24 de xullo: Coincidindo co día de Galicia, chega dende o morrazo Lelli Kelly’s, co seu característico rock en galego.
–7 de agosto: Mad Martin Trio ofrece un espectáculo rockabilly.
–21 de agosto: A formación viguesa Tangomango, liderada por Toño López, presenta o seu disco de funk en castellano.
–4 de setembro: O último evento do ciclo será o quinteto de músicos cubanos e galegos La fuya Funk.
Con todo, cómpre prestar atención ás actualizacións. O Festival de Jazz de Moaña aínda non confirmou a súa celebración. Tamén, máis aló do verán, o Festival de Jazz e música clásica Musicav celébrase este outono no Teatro de García Barbón de Vigo, co seu calendario aínda sen marcar.

