O Underfest trae por primeira vez a Galicia as ilustracións orixinais dun músico de culto
O Underfest, que se celebra desde o xoves 13 ao sábado 15 en Vigo, continúa fiel á súa ambiciosa aposta de traer bandas internacionais e nacionais pouco manidas e espallar as súas actuacións por diferentes espazos da cidade. The Psychedelic Furs, DeWolff, Tahiti 80, We Are Scientists, Rinôçérôse, Maximilian Hecker, The Devils, Cápsula, Sr. Chinarro ou Rizha son algúns deses artistas. Ademais, ofrece actividades paralelas como a exposición Rock this Town, formada por case cincuenta debuxos orixinais do músico de culto Daniel Johnston.

O Underfest celebra oito edicións do xoves 13 ao sábado 15 sendo un festival exclusivo pero en absoluto minoritario. Así o demostra a afluencia de público ano tras ano, que esgotan os abonos e as entradas en cada edición. Este ano volveu suceder, o que os consolida como o festival musical máis interesante e orixinal da cidade, e un dos máis destacados a nivel galego.
Algúns dos nomes máis destacados desta edición son The Psychedelic Furs, DeWolff, Tahiti 80, We Are Scientists, Rinôçérôse ou Chucho, mais un dos puntos fortes do evento e que deixa espazo a descubrir novos artistas. Así, a sorpresa e a amplitude de miras xogan un papel crucial nun público que demanda esa variedade.
Ademais dun fin de semana do 13 ao 15 de novembro que será frenético, unha vez máis celebrarase o ciclo “Bites”, no que contaremos cos galeses The Tubs (21 de novembro), unha das bandas de moda no Reino Unido, herdeiros de The Smiths ou Sugar; unha banda de culto como os estadounidenses Cracker (23 de novembro), referentes para todos os amantes do rock de raíces; e co canadense Patrick Watson (17 de xaneiro) e as súas emocionantes composicións, para un peche do festival por todo o alto.
Os debuxos de Daniel Johnston visitan Vigo
Cada ano o Underfest ofrece unha exposición paralela ao festival, tratando que teña algunha vinculación coa música. A desta edición é Rock this town, unha mostra de case cincuenta debuxos orixinais do músico de culto Daniel Johnston, falecido en 2019 aos 58 anos. Johnston, autor de temas como ‘Silly Love’, ‘True Love Will Find You in the End’ ou ‘Devil Town’, tiña entre os seus admiradores figuras da altura de Kurt Cobain, Beck, The Flaming Lips, Yo La Tengo, Jeff Tweedy, Mac DeMarco, Sufjan Stevens, Bright Eyes ou Eels. É a primeira vez que esta exposición se pode ver en Galicia, e estará exposta na Galería Maraca durante un mes.
Concerto para escolares
Outra das novidades desta edición é o concerto que o grupo local Blackstereo realizará no colexio Salesianos para máis de 500 escolares o venres ás 13:00 h, no mesmo escenario no que hai corenta anos debutaban un novísimos Siniestro Total. Esta iniciativa é un xeito ameno e estimulante de levar a música aos máis novos, o que para algúns nenos e nenas será o seu primeiro concerto.

Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O fotógrafo vigués Jorge Lens rescata nun libro os rótulos das nosas vidas - 28 Novembro, 2025
- Rockbox: a vida é demasiado curta para tocar guitarras de m**** - 26 Novembro, 2025
- O mapa da represión franquista en Vigo - 20 Novembro, 2025
- Underfest Xacobeo: o rara avis dos festivais galegos volve brillar con luz propia - 17 Novembro, 2025
- O Underfest trae por primeira vez a Galicia as ilustracións orixinais dun músico de culto - 12 Novembro, 2025



