O tudense Samuel Diz recupera a música de Gustavo Durán xunto a Jonatan Alvarado

Jonatan Alvarado e Samuel Diz presentan El mal de l’amor. The Songbook of Gustavo Durán, un proxecto que rescata a obra inédita do intelectual da Xeración do 27 a través dun coidado libro-disco e unha proposta escénica. O primeiro concerto será no Teatro Municipal de Tui o venres 13 de febreiro ás 21:00 h.

Tres cadernos manuscritos conservados na Residencia de Estudantes de Madrid foron o punto de partida para rescatar a obra musical de Gustavo Durán. Este intelectual barcelonés foi músico, poeta, militar e alto diplomático na ONU; formou parte da Xeración do 27 e foi amigo de Lorca, Alberti ou Buñuel. Os músicos e investigadores Jonatan Alvarado (tenor) e Samuel Diz (guitarrista) recuperan agora o seu traballo inédito no libro-disco El mal de l’amor. O proxecto que devolve o son a unha figura que viviu marcada polo conflito e o exilio.

Os cadernos achados formaban parte do arquivo persoal do artista e conteñen 131 cancións que Durán recompilou e arranxou entre 1943 e 1963, cando xa se dedicaba á diplomacia na Nacións Unidas, e que ata agora permanecían inéditas. “A música que permanece nun manuscrito inédito está silenciada ata que nós, como intérpretes, despois dun gran traballo investigador, a facemos soar”, explica Samuel Diz, músico, investigador e director do festival tudense Música no Claustro.

En Vigo o libro-disco pode adquirirse en RioLagares

O repertorio é moi variado: inclúe desde transcricións de canto gregoriano ata melodías populares de Grecia, Portugal, América Latina e España. O cantante Jonatan Alvarado define o proxecto como “unha especie de metamatriosca musical e estilística”, unha selección de temas que o propio Durán xa filtrara baixo a súa sensibilidade, con partituras para piano, e que agora este dúo volve adaptar a guitarra e voz. Para o público vigués, o disco garda unha peza especial: unha musicalización dunha cantiga de Martín Codax situada en Vigo, á que Duránlle aplicou unha rítmica que remite á música cubana que coñeceu como diplomático.

O título, El mal de l’amor. The Songbook of Gustavo Durán, reflicte a carga emocional dos cancioneiros. Para os investigadores, estas páxinas funcionan como unha crónica persoal dos anos que Gustavo Durán pasou fóra de España, logo da guerra civil, como exiliado en Inglaterra e Estados Unidos. Samuel Diz subliña que a identidade de Durán é clave para entender a obra: “A súa bisexualidade está completamente presente na súa vida e converte o cancioneiro nun diario moi íntimo, no que conviven moitas formas de manifestar ou non manifestar o amor”.

Tras a estrea en Galicia, o proxecto viaxará a Canarias. O concerto celebrarase dentro da exposición de Néstor Martín Fernández de la Torre, pintor canario que foi compañeiro sentimental de Durán nos anos 20. A súa relación documéntase en 1923 cando o mozo Gustavo serviu como modelo para obras de Néstor como El poema del Atlántico ou El Majo de Verbena. En Gran Canaria, os músicos adaptarán o repertorio para interpretar partituras que Durán escribiu durante os anos que compartiron. Farano diate da obra de Néstor, o que para Alvarado engade “unha nova capa de beleza ao traballo”.

A recuperación de El mal de l’amor contou co apoio das fillas de Gustavo, Lucy e Jane Durán, quen abriron a biblioteca familiar e compartiron os seus recordos. Lucy Durán, etnomusicóloga e produtora, achegou a “memoria viva desas cancións executadas ao piano no fogar durante as reunións sociais no exilio. Jane Durán, poeta, colaborou na tradución dos textos ao inglés, que podemos atopar no libro. Esta colaboración permitiu aos músicos conectar co mundo interior dun home perseguido tanto polo franquismo como polo macartismo en Estados Unidos.

Para pechar o círculo, o disco foi gravado en Dartington Hall, Inglaterra, o lugar onde Durán se refuxiou en 1939 tras acadar o grao de tenente coronel defendendo a República. Alí coñeceu á súa esposa, Bonté Crompton, e celebrou o seu banquete de voda no mesmo salón do século XIV onde Diz e Alvarado gravaron as cancións. “Foi realmente un proceso de gravación moi especial, único, case irrepetible”, lembra Diz sobre a semana que pasaron traballando nese “oasis das artes con cheiro a flores”.

Gustavo Durán faleceu en Grecia en 1969, dise que lendo o Quixote, só cinco días antes de xubilarse e co desexo pendente de regresar a España. Hoxe, a súa música cruza finalmente a fronteira. Grazas a esta investigación, a voz e os amores daquel mozo da Residencia de Madrid atopan o camiño de regreso.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.