O trío canadense-iraní Constantinople protagoniza o Encordass Fiddle Fest
Encordass Fiddle Fest trae á Illa de San Simón o concerto do trío Constantinople, formación canadense-iraní con vinte discos publicados que será un dos puntos fortes da programación deste ano.

O festival internacional Encordass Fiddle Fest continúa apostando por tender pontes entre culturas, tradicións e músicas do mundo. Nesta edición especial dedicada a Grecia, o festival acollerá, o vindeiro 30 de xuño na Illa de San Simón, o encontro entre o virtuoso do setar persa Kiya Tabassian, fundador de Constantinople; o mestre da kora e griot de Saint-Louis (Senegal), Ablaye Cissoko; e o percusionista canadense Patrick Graham, especialista en ritmos do Mediterráneo, India e Xapón. Ademais tanto Kiya como Ablaye ofrecerán unha actuación acústica en solitario na que amosarán a pureza dos seus instrumentos: setar e kora respectivamente.
Inspirándose en manuscritos medievais e músicas do Mediterráneo, Oriente e das Américas, Constantinople leva máis de dúas décadas colaborando con artistas de referencia internacional como Marco Beasley, Savina Yannatou, The Klezmatics, Kayhan Kalhor, Dhruba Ghosh e, por suposto, Ablaye Cissoko, co que teñen percorrido os cinco continentes. A banda ofrece unha viaxe musical que tende pontes entre creatividade contemporánea e tradicións milenarias, apelando á sinxeleza da escoita e á transmisión do que herdamos: cantar, tocar, contar, para que as memorias non se perdan.
Constantinople únese ao cartel que xa contaba con artistas como Kelly Thomá, referente actual da lira cretense;Efrén López, virtuoso da corda mediterránea e especialista en música medieval e modal;Dimitris Mitarakis, guitarrista folk que, xunto a Athanasios Valaskas e Ioannis Zarias, forma o Rebetiko Trio;Christos Kanellos Malamás, músico ateniense afincado en Granada, especializado nas tradicións musicais do Mediterráneo oriental e occidental.
Encordass Fiddle Fest é un festival especializado en violín contemporáneo e músicas do mundo que se celebra entre o venres 27 e o domingo 29 na Illa de San Simón. As entradas están á venda en entradium desde 35,00 € e inclúen a viaxe en barco ata a Illa de San Simón.