REVISTA MARZO

Cimafunk, Muñoz, El Twanguero e Desvariados actuarán no TerraCeo

O Festival Terraceo engade catro artistas novos ao seu cartel: a música funk de Cimafunk o 6 de agosto, unha dobre sesión o 8 de agosto na que actuarán o guitarrista El Twanguero e o grupo de rock Desvariados e, por último, o 28 de agosto subirán ao escenario o grupo de rock vigués Muñoz. Con estas novas incorporacións reafírmase a variedade que presenta o festival.

Banner A Movidiña
Fotografía dun concerto pasado do Terraceo

O Festival Terraceo ofrece música para todas as idades e gustos: grupos de rock indie, música electrónica ou heavy metal. Ademais, hai unha importante presenza de bandas locais e presentación de talentos moi novos. Con estas catro novas confirmacións alcanza os 51 concertos nesta segunda edición, cunha oferta de cultura segura dirixida a todos os públicos.

O cubano Cimafunk presentarase ante o público vigués o venres 6 de agosto. O artista constrúe o seu funk partindo das raíces africanas da súa cultura, que fai dialogar con sonoridades que van desde o soul á música urbana das rúas de Estados Unidos. Coa dobre sesión o día 8 de agosto do Twanguero e Desvariados chegará ao Mar de Vigo unha velada de guitarra, talento, e esencias rock. O Twanguero é, para moitos, un dos mellores guitarristas de España. Para os Latin Grammy, é un dos mellores do mundo: obtivo un dos afamados galardóns por unha das súas colaboracións con El Cigala. Sobre o escenario, o mesmo día, presentarán a súa música Desvariados: rock, directo, contundente, guitarrero… Prodúceos o tamén guitarrista Josu García, produtor de Loquillo.

O rock con acento vigués volverá ao Terraceo en sesión vermú o día 28 de agosto con Muñoz. A banda, conformada en boa medida por músicos consagrados da cidade con moitas horas de escenarios, chega cargada de boa música con cancións propias e versións. Unha combinación perfecta para tomar un vermú ao aire libre nos últimos días do verán. Con Muñoz serán 18 os artistas locais que pasen pola terraza do Mar de Vigo este verán. As entradas para todos estes concertos poden adquirirse a través de teuticket.com.