O SonRías Baixas pecha o seu cartel e publica os horarios dos concertos

O SonRías Baixas é un festival celebrado durante catro xornadas, do xoves 31 de xullo ao domingo 3 de agosto, na localidade de Bueu. Con Sabela, Sobrezero e Kike Varela como últimas incorporacións, a organización pecha a programación e publica os horarios das distintas actuacións.

Nesta vixésima segunda entrega do evento, o cartel está composto por trinta nomes de distintos estilos musicais. Ofrécese unha amalgama musical nun entorno privilexiado, no corazón das Rías Baixas. Os artistas que completan a lista de actuacións son: os madrileños Sobrezero, un quinteto pop rock cun característico aire xuvenil; Kike Varela DJ, produtor de música electrónica moi recoñecido en Galicia; e Sabela, que presentará os seus máis recentes singles, cunha forte proposta de pop electrónico.

Máis aló das propias xornadas de festival, o SonRías ofrece a súa tradicional Sesión Vermú o sábado coas actuacións de Sabela e The Rapants. Estes últimos, interpretarán o repertorio do seu último disco La Máquina del Buen Rollo.

  • O xoves 31 de xullo, La Raíz volve ao escenario que presenciou a súa despedida momentánea, sendo testigo do seu reencontro. Tamén actuarán Canteca de Macao, Muyayo Rif e Baiuca, coa súa característica mestura da electrónica coa música tradicional galega.
  • Un dos pratos fortes do venres 1 de agosto é Sen Senra, que interpretará o repertorio da triloxía PO2054AZ. Tamén, a recoñecida banda Carolina Durante, que cultiva un grande éxito entre seguidores de toda unha xeración.
  • Algunhas das actuacións destacadas do sábado 2 de agosto son a do creador de grandes hits nacionais Alizzz, que debuta no festival, e Judeline, cantante descuberta polo primeiro, que conta con colaboracións con artistas internacionais.
  • O domingo 3 de agosto Dani Fernández, un dos artistas novos máis importantes da escena española, presenta o seu disco La Jauría. Outras das actuacións desta xornada son as de Carlos Ares, Nena Daconte e Marlena.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

Pódense mercar abonos para o festival, dun día ou xerais, premendo aquí.