REVISTA NOVEMBRO

O Son do Camiño volve ao grande: Liam Gallagher, The Chemical Brothers ou C. Tangana encabezan o cartel

Tras un ano en barbeito e outro cun formato máis reducido baixo o nome de Perseidas, volve un dos festivais máis grandes de Galicia cunha programación para todos os gustos. Rock, indie, electrónica, música latina… O Monte do Gozo compostelán aspira a atrae a milleiros de seguidores os próximos 16, 17 e 18 de xuño. Os abonos sairán á venda o 9 de marzo na web do festival. Foto destacada: : Shane J Horan

Tras o experimento das Perseidas, con grandes noites de música pero tamén con algunha para esquecer (lembremos o non-concerto de Raphael con centos de personas enchoupadas agardando nas súas cadeiras), O Son do Camiño volve por todo o alto cun cartel que destaca polo seu eclecticismo. O festival contará con máis de 40 artistas de talla internacional, seleccionando destacados referentes de cada xénero, tanto no rock e o indie (Liam Gallagher, Foals ou Editors), como na electrónica ( The Chemical Brothers, Tiësto, Justice ou Timmy Trumpet), o pop (Jason Derulo, Dani Martin ou Rigoberta Bandini) ou os sons latinos e urbanos ( C Boureo, Anuel AA, Jhay Cortez, Duki, Justin Quiles, Nathy Peluso ou Nicki Nicole).

Tamén hai espazo para algúns dos artistas estatais máis salientables da actualidade, como é o caso de C. Tangana (que vén de realizar, polo que din, un concerto apoteósico na Coruña), Dani Martín, Kase.O, Carlos Sadness, Miss Cafeína, Lola Índigo, Carolina Durante ou o case eurovisivo Rayden. As bandas galegas copan o 40% da programación, malia que ningunha ocupe as letras grandes do cartel. Atopamos a Triángulo de Amor Bizarro, Budiño, Cora Velasco, Escuchando Elefantes, Guadi Galego, Furious Monkey House, Boyanka Kostova… e tamén representación viguesa da man de Sen Senra (quen actuou hai ben pouco no Wizink Center de Madrid diante de 6.000 persoas), Woyza & The Galician Messengers, Pablo Lesuit, The Killer Barbies ou Kings of the Beach.

No propio cartel indican que aínda quedan artistas por confirmar, que quizais pertenzan aos anunciados para a edición de 2020, que finalmente tivo que ser cancelada pola pandemia. Entre esas posibles incorporacións atopamos a The National, Daddy Yankee ou Bad Bunny, estes dous últimos moi reclamados polos fans nas redes sociais do festival.

Outra das novidades de O Son Do Camiño 2022 será a ampliación do seu aforo, chegando na súa terceira edición a máis de 100.000 persoas. Unha ampliación dun vinte por cento cun recinto máis amplo e máis cómodo, que se presentará por primeira vez cun terceiro escenario. Haberá un plan de transportes, de restauración e unha zona de descanso para 4000 persoas. Os abonos sairán á venda o 9 de marzo ás 12:30 na web do festival.